Coristanco rende homenaxe a Asunción Antelo cun libro
Este martes cumpriranse 98 anos do nacemento de Asunción Antelo, e os seus amigos e amigas volverán a xuntarse, como cada 8 do 8 ás 8, para festexar o seu aniversario. Será o primeiro que se celebrará sen a Rexubeira, que finou o pasado 30 de decembro, e que non terá lugar na súa casa de Segufe, xa que nesta ocasión a xuntanza trasládase ao edificio de servizos múltiples de Coristanco. E ademais, coincidindo coa efeméride, presentarase “A obra de Asunción Antelo”, un catálogo que recolle as máis de 200 pezas de madeira, barro e pedra expostas na casa-museo da Rexubeira, e que dalgún xeito pretende plasmar, aínda que sexa en papel, o soño que a acompañou ata o seu pasamento de poder amosar a súa arte nun museo.
“A obra de Asunción Antelo” é unha publicación coordinada pola xornalista Cristina Abelleira que inclúe fotografías e unha ficha de cada unha das pezas do museo de Asunción. As imaxes e o deseño do libro, editado polo Concello de Coristanco e a Deputación da Coruña, correron a cargo de Distrito Xermar. Ao longo das súas 240 páxinas, recolle diferentes testemuños que nos permiten coñecer máis de preto a Asunción Antelo e un completo catálogo da súa arte, ilustrado con pequenas descricións e os poucos datos que puideron recompilarse sobre cada peza.
Ademais da presentación do catálogo, no acto público do vindeiro 8 do 8 ás 8 haberá, como nos últimos aniversarios de Asunción, festa e música. Lupe Blanco, Silvia Losada e Eloi Vidal actuarán ao longo da tarde, e ademais poderá verse un vídeo inédito da Rexubeira de Bergantiños e coñecer a historia da gravación, que se realizou fai case 25 anos. Ao remate festexaremos o 98 aniversario de Asunción como a ela lle gustaba facer, reunindo aos seus amigos e veciños arredor dun pastel.
Novas relacionadas
- Asunción sempre dicía: “Eu nacín antes de tempo”.
 - Lupe Blanco, a nova regueifeira de Bergantiños.
 - 07-04-17: O Museo de Asunción abre por regueifa.
 - 29-03-17: O Museo de Asunción Antelo espera cas portas pechadas a chamada das administracións
 - 31-12-16: Pesar en Coristanco polo pasamento de Asunción Antelo.
 - 30-12-16: Faleceu Asunción Antelo. Bergantiños perde á súa Rexoubeira.
 - Asunción Antelo: Coñecendo á voz feminina creativa máis salientable das terras de Pondal.
 - Que ningún coristanqués quede sen coñecer a Asunción Antelo.
 - Unha visita contemporánea á Rexoubeira de Bergantiños polo Día da Muller
 - “Pero como fixo tantas cousas?”.
 - Unha visita moi didáctica á Rexoubeira de Bergantiños.
 - 2014: Unha copla polos 95 anos de Asunción Antelo, a Rexubeira de Bergantiños.
 
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).