Os Medios en Galego reivindican no Culturgal a trasparencia nas axudas públicas

Ubaldo Cerqueiro, de QPC, Quique Sanfiz de Radifusión, Xurxo Salgado de Galicia Confidencial e Álvaro Peralta na mesa dos Medios en Galego no Culturgal

Estivo no Culturgal o responsable de Que pasa na Costa, Ubaldo Cerqueiro, como vicepresidente da Asociación de Medios en Galego. A entidade acodía por primeira vez como tal á Feira das Industrias Culturais de Galicia co seu posto, e organizaba un debate que se emtía en directo a través da rede.

Xornalistas de QPC Galicia Confidencial, Son Radio Fusión e Valminor.info compartiron unha mesa de intercambio que afondou na necesidade dunha xestión transparente das axudas e cotas de publicidade das administracións públicas nos medios de comunicación. A AMEGA esixe o respecto á lingua do país como vehículo informativo e o cese inmediato da entrega de subvencións por “presunta promoción da lingua galega” ás empresas mediatas monolingües en castelán.

Posto de AMEGA no CUlturgal

Todos coincidiron en que, a pesar de ter cada día mellores audiencias, de promover que a lingua galega sexa unha lingua útil e nobre, de estar moi ben posicionados en materia dixital, e de ter sido fundamentais na superación da fenda dixital do país, as axudas son cada día menores. “Canta máis audiencias rexistran os nosos medios menos disposición parecen ter en achegar axudas e incluírnos no reparto publicitario”, asegurouse nesta mesa retransmitida por todos os medios de AMEGA en directo dende a feira.

Lembraron que a proposta de modificación da lei de publicidade institucional presentada por AMEGA ao Parlamento de Galicia leva máis dun ano nos caixóns. Inda o apoio explícito ao proxecto por parte de AGE e o BNG, o restos das forzas políticas non deron ningún paso para avanzar no punto.

Reclamaron tamén unha política de investimentos para o conxunto das industrias culturais de Galicia. Un sector que aseguraron, foi dos máis afectados pola crise e os recortes das administracións públicas, cun efecto desbastador na produción cultural e as fontes de traballo.

A mesa finalizou cunha reafirmación dos medios implicados en AMEGA na defensa da lingua do país e do dereito a informar en igualdade de condicións que os medios monolingües en castelán.

Emision en directo da AMEGA dende o Culturgal

A AMEGA

A AMEGA está formada polos seguintes medios: Radio Fusión-Rede de Emisoras Municipais Galegas, Galicia Confidencial, Praza, Sermos Galiza, Tempos Novos, Novas da Galiza, A Nova Peneira, Valmiñor.info, Que pasa na Costa, A Voz de Vilalba, Crónica 3 e Terra Cha Xa.

Novas relacionadas

Fonte e máis información