A Reserva Mundial de Surf Costa da Morte toma nota en Cantabria

Reunión dos responsables da Deputación cos da Reserva Local de Surf de Ribamontán del Mar

Xa na súa segunda fase de consolidación, e menos dun ano despois da súa posta en marcha, continúa avanzando o proxecto da Reserva Mundial de Surf na Costa da Morte. un proxeco singular que pode colocar a bisbarra como referente en turismo deportivo a nivel internacional.

Aproveitou a Deputación á visita a FITUR para manter un encontro con con Luís Cayón, representante da reserva de Ribamontán al Mar, a primeira Reserva Local de Surf do estado español. Cayón fixo fincapé no desenvolvemento económico que provoca a declaración na zona “xa que contribúe á fixar emprego, diminuír a emigración, acadar novos investimentos e mesmo aumentar as instalacións do sector industrial, datos que se poden comprobar”, segundo afirmou, “no territorio cántabro que veu tamén como o turismo internacional se incrementaba de 8 a 18%”.

Son xa 10 anos os que levan traballando na Reserva, e notan tamén un ”avance na conservación natural da zona e na protección das ondas como recurso esencial que garante o futuro do turismo vinculado ao turismo do surf”.

O vicepresidente da Deputación e Deputado de Turismo Xosé Regueira tomou boa nota porque “un dos pasos vindeiros da folla de ruta que temos para a Costa da Morte é a declaración de Reserva Local de camiño a afortalar a candidatura para Reserva Mundial de Surf diante de Save the Waves”.

Aí están xa no escaparate praias como as de Caión, Razo, Baldaio, Malpica, Seaia, Barra, A Tremosa, Soesto, Traba, Memiña, o Rostro e Mar de Fóra.

 

Novas relacionadas