Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Costa da Morte aspira a convertirse en Reserva Mundial do Surf

Surf na Costa da Morte-Foto-Kako Garcia
Facendo Surf na Costa da Morte-Foto-Kako Garcia
A Costa da Morte aspira a convertirse en Reserva Mundial do Surf

logo da campana Costa da Morte World Surfing ReserveQue a Costa da Morte xa é unha potencia estatal en materia de surf é algo sabido. Grandes surfistas internacionais veñen durante todo o ano (feito importante para afianzarse como un destino menos estacional) a disfrutar desas ondas xigantes do noso litoral. E tamén campamentos como os de Razo ou Nemiña énchense de rapazada que vén disfrutar deste deporte cada vacacións.

Pero convertirse en Reserva Mundial do Surf, sería todo un paso. Ao carón de 3 zonas da costa oeste norteamericana, dúas da costa este australiana, dunha zona do Perú, outra de Brais, e da portuguesa Ericeira, podería situarse a Costa da Morte.

Así, a prestixiosa ONG Save the Waves Coalition está impulsando a candidatura de 10 praias do xeodestino Costa da Morte para convertirse nunha desas World Surfing Reserves. Sería a primeira do Estado español e a segunda europea, despois da portuguesa Ericeira.

Presentación en Carballo

Reunion en Carballo para presentar a Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf

Detrás sitúase xa a Deputación da Coruña, apoiando esta candidatura, como explicou onte Xosé Regueira, deputado de Turismo, nun acto celebrado en Carballo. "A candidatura é unha oportunidade única de desenvolvemento local sustentábel do xeodestino da Costa da Morte e de protección das praias en que se practica este deporte”, sinalou Regueira.

A Costa da Morte, coas praias de Razo – Baldaio, Malpica, Caión, Soesto, Nemiña, Mar de Fóra ou Seaia, é na actualidade unha forte comunidade cun tecido empresarial que vive do surf, con recoñecemento internacional como destino deportivo. Neste contexto, o proxecto capitaneado por unha comisión da que forman parte a mesma comunidade e escolas locais do surf máis os axentes municipais de desenvolvemento turístico e a propia Deputación, velará non só polo posicionamento do xeodestino neste nicho de mercado deportivo senón no obxectivo de promover un desenvolvemento sustentable.

Novas relacionadas

Comentarios