A Costa da Morte moi presente na gran manifestación pola supervivencia sector lácteo en Compostela
Nada menos que unhas 15.000 persoas as que invadiron Santiago de Compostela este venres 17 de xullo. 15.000 persoas que demostran a importancia socio-económica do sector gandeiro en Galicia. Un país con unhas 9.000 explotacións, das que 3.000 corren o risco inminente de desaparecer se non cesan as prácticas abusivas das empresas industriais. 40.000 postos de traballo están en perigo.
O prezo do leite é o gran cabalo de batalla. E para iso, para que o prezo ao que venden o litro de leite os gandeiros chegue, polo menos, a cubrir os gastos de produción, milleiros de gandeiros de todo o país berraron na Quintana pedindo axuda ao goberno da Xunta. Unha mobilización, conovocada polo SLG, pero apoiada por Unións Agrarias, ASAJA, FRUGA ou a OLP, cun lema claro: lema “Pola economía do rural, loitemos polo sector lácteo”, na que se berrou pola superviviencia dun modo de vida.
A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo presentou un escrito no rexistro da Xunta pedindo ás as autoridades que “non se poñan de perfil” ante este problema, e aportando as propostas que necesita o sector. Fai falta unha reunión cos poderes políticos e coas industrias, a tres bandas, para solventar a crise. Polo de pronto, o próximo mércores os representantes do sector lácteo están convocados a unha reunión en Madrid coa ministra de Agricultura, Alimentación e Medioambiente, Isabel García Tejerina.
Enorme presencia costeira
A presencia do sector gandeiro foi numerosísima. Centos de gandeiros de toda a bisbarra asistiron á manifestación chegados de concellos como Carballo, Muxía, Camariñas, Mazaricos, Santa Comba, Vimianzo, Zas ou Coristanco…
Presentes estiveron varios alcaldes da zona, que xa manifestaron o seu apoio ao sector en sendas reunións. Nas redes sociais puidemos ver a Amancio Lavandeira, de TEGA Coristanco, a Xosé Regueira, do BNG Carballo, a Manuel Antelo e Lolo Muíño, do BNG de Vimianzo e Mazaricos, ou a Juan José Blanco (BNG de Mazaricos) e Ucha Velo (PSOE Santa Comba), de mobilización como uns gandeiros máis.
Que pide o sector leiteiro?
Non pode vender unha explotación a 0,20€ o litro de leite. Así de sinxelo, non cubre os gastos
As empresas que poñen entre a espada e a parede ás explotacións son “as de sempre”, como nos conta un gandeiro mazaricán: “primeiros compradores (como lácteos Deza) que está tendo problemas cos pagos (hai gandeiros que levan mais de 3 meses de atraso nos cobros do leite). E despois o de sempre: Leite Río que está a deixar recollidas (incluso a xente con contrato firmado) poñendo escusas como que non cumpren un mínimo de graxa ou así, e despois as demais empresas séguenlle os tiros de maneira máis suave, Peñasanta por exemplo paga o 80 % do leite a un prezo e o 20 % a prezo de leite en pó, e están instando ós productores a que baixen a produción. Incluso cooperativas como FEIRACO están seguindo esta liña de solicitar ós socios baixadas de produción”, explicannos.
Pero tamén están as “empresas de distribución que vanalizan o leite e úsano como reclamo para vender outros produtos como queixos ou iogures, mentres a administración mira para outro lado”.
A responsabilidade do cidadán
Temos aí os cidadáns, como consumidores, a nosa parte de culpa, e cando vaiamos ao supermercado, temos que ter en conta que cómpre pagar un prezo xusto polo leite, se pagas 40 céntimos en tenda por cada litro, eso é directamente un puñal ao sector galego.
Unha Asociación de Gandeiros para Mazaricos
O sector gandeiro demostrou que está pasando por un momento no que a unión é fundamental. Así o demostra a xuntanza do pasado xoves na Casa da Cultura, na que máis de 300 persoas manifestaron a necesidade de traballar xuntos polo futuro de un sector. A creación dunha Asociación de Gandeiros de Mazaricos, independiente e unida, será o resultado tras esta primeira toma de contacto.
Será un ente que poida defender aos gandeiros dende dentro, tendo en conta que ás veces “os hai gran desafección cara os sindicatos entre os produtores, xa que están totalmente politizados”. Veremos se os gandeiros son capaces de superar as longas xornadas de traballo (cóntannos que as 12 horas ao día é habitual no sector), para remar na Asociación.
Novas relacionadas
- Mazaricos crea a súa Asociación de Gandeiros.
- 9 alcaldes da zona reúnense en Santa Comba para amosar o seu apoio unánime ó sector lácteo.
- Juan José Blanco: “O 90% de Mazaricos depende do sector gandeiro”.
- Ucha Velo: “Hai que ter claro que os veciños son sempre os teus xefes”.
- 06-07-15: 15.000 litros de leite ao chan contra o secuestro das industrias lácteas.
- 17-06-15: Os novos alcaldes de Mazaricos e Santa Comba moven ficha polo sector gandeiro.
- 28-04-15: 11 alcaldes da Costa da Morte asinan manifesto de apoio aos produtores de leite.
- Os gandeiros piden sancionar a quen venda leite por debaixo do prezo de mercado.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).