Carmen Llaría, do CDM Piragüismo Dumbría, bronce nacional no Campionato de España de Novas Promesas de Slalom
O CDM Piragüismo Dumbría puxo o broche á tempada nacional de augas bravas coa participación no Campionato de España de Novas Promesas de Slalom, disputado esta fin de semana en Ponts (Lleida), sobre o río Segre. As elevadas temperaturas marcaron dúas intensas xornadas de competición nas que os deportistas tiveron que facer fronte a un dos campionatos cun dos trazados máis esixentes do calendario.
A gran protagonista da expedición dumbriesa foi Carmen Llaría Traba, que se logrou a medalla de bronce no C1 Infantil Feminino, confirmando a excelente progresión que veu mostrando ao longo de toda a tempada. O resultado cobra aínda máis valor ó tratarse do seu primeiro ano na categoría infantil, logrando subir ao podio nun Campionato de España fronte ás mellores especialistas do país.
A nota máis amarga da fin de semana foi a ausencia de Clara Mancebo Landeira, outra das grandes bazas do club para loitar polas medallas. A deportista desprazouse ata Ponts xunto ao resto da expedición, pero finalmente non puido competir debido a unha lesión no ombreiro sufrida durante un adestramento coa Selección Galega poucos días antes do campionato. A súa baixa privou ao club dunha das súas principais opcións de podio, despois da brillante traxectoria que Clara completara durante toda a Copa de España.
Na categoría masculina, tanto José María Ferrer Cardona coma Yerai Omar Guene Gómez e Iván Llaría Traba completaron unha boa actuación, sumando os tres unha importante experiencia nun campionato de máximo nivel e aportando importantes puntos ó clube.
Slalom Cross
Pola súa banda o domingo se disputou o Campionato de España de Slalom Cross, a nova disciplina olímpica que cada vez gaña máis protagonismo no panorama internacional. Nesta modalidade, Carmen Llaría volveu ser unha das deportistas máis destacadas do club, logrando superar dúas eliminatorias consecutivas para chegar ata as semifinais, quedando ás portas da loita polas medallas e completando unha extraordinaria fin de semana.
O resto da expedición, José María Ferrer e Yerai Guene conseguiron clasificarse para as eliminatorias finais, quedando eliminados nos primeiros enfrentamentos directos.