O CDM Piragüismo Dumbría, subcampión galego no Campionato de Novas Promesas de Slalom
Segue consolidándose como unha das referencias do slalom galego nas categorías de formación. O CDM Piragüismo Dumbría acadou o subcampionato galego no Campionato Galego de Novas Promesas de Slalom, celebrado o pasado 25 de abril no río Coura, na localidade portuguesa de Covas, nunha xornada de gran nivel competitivo.
O conxunto dumbriés finalizou en segunda posición por equipos, só por detrás do Club Deportivo Miño-Os Teixugos e por diante do Club Piragüismo Penedo-Teimporta de Tui, confirmando así o bo momento da canteira do club.
En canto aos resultados individuais, na categoría infantil K1 feminino, o club logrou subir ao podio grazas ao segundo posto de Clara Mancebo Landeira, mentres que Carmen Llaría Traba acadou a terceira posición, completando unha destacada actuación nesta proba.
En infantil K1 masculino, José María Ferrer Cardona conseguiu acceder á final, onde finalizou en cuarta posición tras unha baixada esixente.
Na categoría cadete K1 masculino, Iván Llaría Traba foi o mellor representante do club cunha quinta posición, mentres que Óscar Insua Avanesjan rematou sexto na clasificación final.
Máis aló das finais, tamén cómpre destacar a participación doutros deportistas do club que competiron nas mangas clasificatorias nun campionato de gran esixencia. Carmen Llaría e Clara Mancebo en C1 infantil feminino, Clara López Piñeiro en K1 infantil feminino, Yerai Guene en K1 infantil masculino e José María Carmona en C1 infantil masculino non lograron acceder ás finais, pero continúan acumulando experiencia clave para o seu desenvolvemento deportivo.

