O CDM Piragüismo Dumbría, subcampión galego no Campionato de Novas Promesas de Slalom

Familia do CDM Piraguismo Dumbria en Covas

Segue consolidándose como unha das referencias do slalom galego nas categorías de formación. O CDM Piragüismo Dumbría acadou o subcampionato galego no Campionato Galego de Novas Promesas de Slalom, celebrado o pasado 25 de abril no río Coura, na localidade portuguesa de Covas, nunha xornada de gran nivel competitivo.

O conxunto dumbriés finalizou en segunda posición por equipos, só por detrás do Club Deportivo Miño-Os Teixugos e por diante do Club Piragüismo Penedo-Teimporta de Tui, confirmando así o bo momento da canteira do club.

Clara Mancebo Landeira, á esquerda,  no Podium k1infFem

En canto aos resultados individuais, na categoría infantil K1 feminino, o club logrou subir ao podio grazas ao segundo posto de Clara Mancebo Landeira, mentres que Carmen Llaría Traba acadou a terceira posición, completando unha destacada actuación nesta proba.
En infantil K1 masculino, José María Ferrer Cardona conseguiu acceder á final, onde finalizou en cuarta posición tras unha baixada esixente.
Na categoría cadete K1 masculino, Iván Llaría Traba foi o mellor representante do club cunha quinta posición, mentres que Óscar Insua Avanesjan rematou sexto na clasificación final.

Máis aló das finais, tamén cómpre destacar a participación doutros deportistas do club que competiron nas mangas clasificatorias nun campionato de gran esixencia. Carmen Llaría e Clara Mancebo en C1 infantil feminino, Clara López Piñeiro en K1 infantil feminino, Yerai Guene en K1 infantil masculino e José María Carmona en C1 infantil masculino non lograron acceder ás finais, pero continúan acumulando experiencia clave para o seu desenvolvemento deportivo.