Dumbría vive un mes de xullo de vertixe cun completo programa cultural e deportivo
Non para o Concello de Dumbría, e despois do Campionato Galego de Salvamento e Socorrismo, xa se prepara para un xullo ateigado de actividades tanto deportivas como culturais, que maridan fenomenal co programa de iluminación do Coadoiro.
3 eventos deportivos de nivel
En xullo seremos sede de tres grandes eventos deportivos:
7 de xullo. Gran Fondo Ézaro
O ciclismo volve a “ O Muro” do Ézaro. Ata o Miradoiro do Ézaro, gabeando polas súas pendentes de ata o 30% e sorteando a “curva de semento”, chegarán este ano máis grandes nomes do ciclismo profesional acompañando aos case 1000 afeccionados a este deporte que participarán este ano.
Alejandro Valverde, Samu Sánchez, Sandra Alonso, Fran Ventoso, Óscar Pereiro, Álvaro Pino,.. figuras de primeira orde do panorama ciclista.
13 e 14 de xullo. Campionato de España de Slálom
Ao redor de 20 clubs de toda España achegaranse ata o campo de slálom do Couquiño, en Olveira para competir neste campionato nacional.
Por primeira vez Galicia acolle unha proba selectiva para a Selección española Júnior e Sub23. E será en Dumbría. O río Xallas volve ser escenario dunha competición que traerá ata a comarca a máis de 200 deportistas, acompañados dos seus equipos técnicos e, en moitos casos, tamén de familiares que queren presenciar a proba deportiva.
Do 25 ao 27 de xullo. Campionatos de Volei Praia Sub-19
Máis de 50 clubs de toda España e de 200 deportistas, ademais da participación de equipos locais, danse cita, un ano máis, no areal do Ézaro.
Actividades culturais
• 6 de xullo. Talleres e Xogos "EU UE". Pérgola do Ézaro.
A campaña "EU UE"de Europe Direct Coruña – Deputación da Coruña chega ao Ézaro o sábado 6 de 16:30 a 20:30 h. Neste punto de información europea, o público atopará xogos adaptados a diferentes idades nos que poderán demostrar as súas habilidades e coñecementos sobre Europa.
Coincidindo coa xornada previa á celebración do Gran Fondo Ézaro, o público que se achegue á zona da pérgola da Fervenza do Ézaro atoparase con esta zona lúdica de Europa Direct.
• 10 de xullo. Actuación de Galitoon. O Conco, 11:00 h
Galitoon chega a Dumbría co seu espectáculo The Show Moscón. “The Show Moscón” é un Circo de monicreques de “varietés”, no que habitan músicos,
mentalistas, equilibristas e moito humor. É unha actividade programada a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña e cofinanciada polo Concello de Dumbría.
• 13 de xullo. Foliada nas Neves (Buxantes). 20:00 h
A Asociación Fonte Santa de Buxantes, coa colaboración do Concello de Dumbría, organiza unha foliada no entorno da Capela das Neves que acollerá a grupos chegados da comarca e de fóra dela. Unha xornada cargada de moita música tradicional que cumpre este ano a súa segunda edición.
• 16 de xullo. Actuación de Teatro do Cubo. O Conco, 11:00 h
De Vilatriste a Vilalegre é un espectáculo que está a percorrer Galicia para celebrar o 40º aniversario do Centro Dramático Galego.
• 21 de xullo. Festa da Familia de Berdeogas. Carballeira de Berdeogas
Unha cita ineludible xa para as familias dumbriesas e de toda a comarca, que se dan cita na Devesa da Lúa para compartir unha xornada de música, xantar e encontros con amigos.
• 24 de xullo. Actuación de Polo Correo do Vento. O Conco, 11:00 h
A través da Deputación da Coruña, a compañía representará en Dumbría un espectáculo creado ao redor da figura de Luisa Villalta, a homenaxeada neste ano polo Día das Letras Galegas.
• 26 de xullo. Actuación de Xacarandaina. Olveiroa, 20:00 h
O grupo de pandereteiras de Xacarandaina actuará na praza do Cruceiro de Olveiroa.
• 30 de xullo. Actuación de Artefeito. O Conco, 11:00 h
Co seu espectáculo Cirqueiras, a compañía traeranos o Novo Circo ata Dumbría. Esta é unha actuación programada a través de Cultura No Camiño, da Axencia Galega das Industrias Culturais cofinanciada pola Xunta de Galicia e polo Concello de Dumbría.
ACTIVIDADES INFANTÍS DE VERÁN NO CONCO:
A próxima semana arrancan tamén as actividades infantís de verán que se desenvolven todos os anos nas instalacións do Conco – Dumbría, na que participarán máis de 150 nenos e nenas.
Os departamentos de Cultura e Deporte encherán as mañás de actividades e diversión, que serven, a maiores, como xornadas de convivencia entre os nenos e nenas de diferentes parroquias que aproveitan para coñecerse e para pasar tempo xuntos. Cociña, manualidades, sendeirismo, xogos de tempo libre, talleres de reciclaxe, de experimentos, iniciación a diferentes deportes, cursos de natación... Haberá servizo de transporte polas parroquias para achegar a rapazada ata Dumbría.