O Ézaro volverá ser en xuño o epicentro do Salvamento e Socorrismo
Firmado quedou convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e a Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA), para cofinanciar a organización do campionato autonómico de categorías base en espazos acuáticos naturais, que se desenvolverá na praia do Ézaro, no municipio de Dumbría, durante tres xornadas consecutivas entre o 28 e o 30 de xuño.
A administración provincial achega 20.000 euros, o que supón arredor do 70% do orzamento total necesario para o desenvolvemento desta cita deportiva. A través deste acordo, a Deputación mantén o seu apoio ás entidades que promoven a práctica físico-deportiva, con especial atención ao impulso do deporte feminino e ao fomento de actividades que vinculan o exercicio cos valores profesionais do socorrismo.
Prevese a participación de 13 clubs e máis de 450 deportistas de toda Galicia, abranguendo desde a categoría alevín ata a júnior, nunha competición que serve como peche da tempada autonómica e preparación para as probas de nivel estatal. A organización agarda unha afluencia de máis de 1.000 persoas entre familias e público, o que supón un impacto social e económico moi positivo para a zona da Costa da Morte, vencellando o deporte coa posta en valor do patrimonio natural.
Outras actividades
Ademais das probas deportivas de area e auga, o proxecto inclúe un forte compoñente educativo mediante a realización de actividades complementarias para o público asistente. Entre estas propostas destacan os talleres de reanimación cardiopulmonar (RCP) con uso de desfibriladores e os simulacros de rescate con medios motorizados, orientados a concienciar sobre a importancia da xestión de emerxencias en mar aberto.