Arrinca o X Fisterra Experience cun cartel de luxo liderado por DEPEDRO, Caamaño&Ameixeiras e Kike Varela
Fisterra xa ule a festival. Hoxe, venres 26 de xuño, arranca oficialmente unha das citas máis singulares de toda a Costa da Morte: o Fisterra Experience, que celebra este ano o seu décimo aniversario cunha proposta que fusiona música, territorio e natureza nunha das paraxes máis espectaculares da costa europea. A programación combina concertos de pago cun coidado programa gratuíto.
Venres 26: Benvida da man de grandes artistas galegos
A música comezará a soar mañá venres a partir das 21:00h no Escenario Xacobeo, situado na Rúa da Foliada. Nesta primeira xornada, de acceso libre, o público poderá gozar dos directos dalgunhas das artisrtas máis potentes da nosa música: o aclamado dúo Caamaño & Ameixeiras, o grupo Adhara & Ritman e o recoñecido DJ Kike Varela.
Sábado 27: A xornada máis completa do festival
O sábado concentrará o groso da programación. A xornada comezará ás 12:00h no Escenario Xacobeo co obradoiro infantil gratuíto de harmónicas impartido polo prestixioso músico Marcos Coll (onde se agasallará cunha harmónica da marca Hohner a cada participante).
A partir das 13:00 h, tamén no Escenario Xacobeo, terá lugar unha sesión vermú con xogos populares para gozar en familia, o directo de Marcos Coll e Javier Turnes, unha sesión DJ e a mellor gastronomía coas tapas de autor deseñadas por Noela Torres e o chef fisterrán Brais Pichel (recoñecido cunha estrela Michelin). Todo este bloque será de balde.
Pola tarde, ás 17:30 h, activarase unha das propostas máis orixinais do festival: a primeira sesión de "Música a Bordo" (de pago), que ofrece a oportunidade única de navegar pola ría nun barco de Cruceros Fisterra mentres se desfruta dun concerto íntimo con Mr Cool.
Ás 19:30 h, o Bela Fisterra acollerá o recital poético de Rosalía Fernández Rial e a presentación do proxecto "RONSEL" con Marcos Coll e a propia Rosalía (de balde).
O prato forte do día chegará pola noite no Escenario Xacobeo, que a partir das 21:00 h acollerá os concertos de DEPEDRO, Catuxa Salom, Haylen e o peche enérxico a cargo de DJ Panko. De pago.
Domingo 28: Broche de ouro no faro máis emblemático
O festival porá o punto final por todo o alto con dúas propostas moi especiais. A primeira, ás 12:00h, coa segunda quenda do Música a Bordo, con Cruceros Fisterra, nesta ocasión amenizada polo prestixioso tándem de Marcos Coll e Javier Turnes (de pago).
O fin de festa terá lugar no Semáforo de Fisterra, en pleno Cabo Fisterra, cun directo de balde do grupo Gran Bazar e unha espectacular Jam Session gratuíta onde Marcos Coll, Javier Turnes e The Centolo Cousins unirán o seu talento co Atlántico como espectacular pano de fondo.
Compra de entradas
As entradas individuais para os concertos de pago están dispoñibles na web oficial do festival: www.fisterraexperience.gal.O festival, producido por Nordesía, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo; co patrocinio de Estrella de Galicia e a colaboración de Cruceiros Fisterra, Bela Fisterra e o Semáforo de Fisterra.