Fisterra recuperou a súa retranca

Os da Charca foron os gañadores dun do Entroido máis igualado da última década

Volveu o Entroido de Fisterra. Despois de 730 días, de 3 anos, volveu o entroido máis retranqueiro da Costa da Morte. Volveron resoar as coplas para reivindicar as necesidades máis básicas, as rimas para darlle candela aos políticos, os aplausos para agradecer a labor de todas as esas persoas que dedican o seu tempo a brindarnos este show.

E iso que só participaron 3 comparsas, todas da vila, o que pode facer reflexionar ao Concello á hora de animar a outras comparsas da volta a participar, ou tamén á propia vila fisterrá que se cadra ten que rebaixar a tensión que se vive cada vez que se van ditaminar os premios.

En calquera caso, as participantes demostraron o traballo que hai detrás de cada espectáculo, cunha presentación impresionante, e unha posta en escea tremendamente traballada, con rimas e coreografías da calidade dun "teatro da Gran Vía". As músicas son un exemplo dese longo tempo que botan preparando esta festa, pois no canto de Shakira soou máis o “mamamamama” de Rigoberta Bandini.

Un entroido que vive ademais momentos de rexeneración, como o demostra a nova vitoria de Os da Charca (facendo de criaturas marítimas), unha comparsa máis noviña, que inclúe máis accións circenses, e cunha mensaxe máis medioambiental e diversa que a tradición retranqueira fisterrá, perfectamente representada polas bruxas dos Trotamúsicos. Pero coincidiu todo o xurado que este puido ser un dos mellores entroidos en canto á retranca, e un dos máis igualados da última década, como recoñecemos dende QPC como membros do xurado dende 2008.

Un entroido no que ese humor hiperlocal (escoitar como se meten coas desagradables dúas administrativas do Casa do mar, ou coas señoras que van a recoller comida de Cáritas en taxi é brutal) é un verdadeiro tesouro.

Os Trotamúsicos meténdose cos politicos

Rimas recicladas

Brincadeira

A carpa instalada no porto, en plenas obras da rúa, xa estaba chea dúas horas antes do comezo. Ninguén quería perder o sitio. Volveu o mago Cayetano Lledó encher de elegancia un entroido fisterrán sempre complicado para o papel de presentador.

Arrincou o entroido a novísima comparsa da Brincadeira. Unha marea de nen@s das neves encheron o escenario, para na tertulia arredor do lume comezar a reivindicar os clásicos: o pavillón esfolado a ritmo de Rosalía, o Centro de Saúde ou a Casa da Cultura. “Rimas recicladas do 2016”, bromearon os da Charca demostrando a inacción das administracións. “É de Portos”, bromeaban os Trotamúsicos explicando a clásica resposta dos edís locais ante as reivindicacións veciñais.

Brincadeira "rajando" arredor do lume

Precisamente coa Vaca de Fisterra, muda dende 2003, e xa moi manida nos entroidos, volveu servir de comezo para os da Charca, que falaron en clave de reciclar, reusar e reducir, “como o paseo de Sardiñeiro, que o reciclaron ata que xa non vale para nada”.

Impresionantes estiveron os Trotamúsicos, as fantásticas meigas como Orcavella, que reclaman sororidade demostrando ser unhas verdadeiras mulleres gobernadoras. “Non hai Fisterra sen meigas. Non hai Fisterra sen Entroido”, cantaron ao ritmo de traballadísimas coreografías que mesturan tradición e modernidade.

Espectaculares as meigas dos. Trotamúsicos

”Mamamamama, a quen vou votar, se non valen para ná”

Os da Charca meténdose cos politicos

A candela á clase política, ou máis ben aos nosos politicos “bichicomas”, é marca da casa. Costa explicar por aí como no Entroido de Fisterra as coplas van directamente en contra dos edís, que teñen que encaixar co mellor sorriso as críticas máis ácedas. Esa frase do temazo da Bandini dos Trotamúsicos demostra moi ben o sentiro da veciñanza fisterrá ante os seus representantes.

Tocoulle a todos, mesmo aos que non estaban, como Traba, “reciclado ata que xa non o poden botar en ningún caldeiro do lixo”, en relación á súa substitución por Luís Insua como candidato popular.

A alcalde socialista “prudente e ausente” Pepe Marcote, tamén lle caeron duras, como esa copla dos da Charca “Fisterra é moito pueblo para ti, lárgate de aquí”.

Por supusto, a Kuka Sar, o teniente alcalde do BNG, foi un dos grandes protagonistas das rimas, invitándoo a meterse en infojobs por se non volve a poder formar goberno, e mesmo Os Trotamúsicos lle regalaron unha vara para mover as caixas na lonxa, por se ten que volver a traballar no sector do mar. Os da Charca dedicáronlle o “Quédate” de moda.

Os da Charca

Así remataba coa entrega de premios (Os da Charca, Trotamúsicos e Brincadeira, por esta orde) bailando a ritmo dos Rapacollóns na carpa instalada, e con poucas opcións onde cear ou tomar algo a pesar da cantidade de xente presente. Longa vida a un Entroido que ten moitas posibilidades aínda de crecer.

Borja de Brincadeira foi o Rei do Entroido
As xemelgas da Charca, as Raíñas
Os da Charca recibindo da Concelleira de Cultura o diploma de campionas

CRÓNICAS DO ENTROIDO FISTERRÁN