Voltou o Entroido a Fisterra. Voltou a Festa

Volveu o Entroido con todas as letras a Fisterra. Non houbo o tradicional Concurso de Comparsas, pero a vila do Cristo non o necesitou para recuperar ese arrecedendo a retranca e a festa que tanto a define nestas datas. Así, á falta do mítico Martes de Entroido, nunca tanta xente se viu durante o desfile sabatino.
A emoción e a ilusión víase en cada cara das centos de persoas que participaban nas 5 comparsas. Dende os máis pequenos e pequenas aos máis grandes desprendían luz e colorido ao longo do desfile.

“Os da Charca”, “Sardiñeiro é vida”, ”Brincadeira”, “Os Trotamúsicos” e “Tarde piaches” fixeron as delicias de toda a vila, tanto dos propios participantes como do resto de veciñas e veciñas que non quixeron perder un segundo desta anhelada festa.
Mención especial merecen os Rapacollón's Big Band e á charanga TNT, que animaron a festa como os que máis dende o comezo, igual que O Rumbo de Sardiñeiro.
E que dicir dos Cabezudos, eses míticos persoeiros recuperados en 2015 nun obradoiro artellado do Viki Rivadulla e que aínda seguen facendo rir a toda a vila cada festa.

Especial simbolismo tivo a volta do Entroido á mítica Praza da Constitución, que volveu quedar pequena como aqueles anos dos Presajeiros, A Galería ou Os Rombos.
As comparsas accederon á praza a través dun pasillo formado polos Rapacollón's que, co son dos seus tambores, fixo latexar ao 100% os corazóns de tod@s @s presentes.
A continuación foi o pregón a cargo de Roberto Traba Velay e Cía lembrando as cancións máis soadas de antigas comparsas dos comezos do entroido fisterrán. Lembrou a cada comparsa facendo unha especial e emotiva mención a Gelucho dos Tres Golpes como un gran propulsor e personaxe que tantos bos momentos fixo vivir como compoñente da comparsa “O Casino” e na organización do Pulpo, o cal estaba alí presente no medio do público alí na praza.
Voltou o Entroido a Fisterra, voltou a festa.






Máis entroido
O Programa do Entroido máis tradicional da Costa da Morte continúa este martes 1 de marzo co Concurso de Disfraces de todas as idades, para individual, parellas e grupos, que se celebrará a partir das 17:00h no Porto de Fisterra. Podedes inscribirmos no propio porto de 16:30 a 17:00 horas.
Outras Novas do Entroido
Crónicas do Entroido Fisterrán
- Manuel Suárez: O entruido máis occidental de Europa.
- Entroido Fisterra 2020: Eló non vale un mundo o Entroido de Fisterra?!.
- Entroido Fisterra 2019: O Entroido de Fisterra, entre a tradición, a innovación e a retranca.
- Entroido Fisterra 2018: O Entroido de Fisterra, máis sagrado que a Resurrección.
- Entroido Fisterra 2017: As comparsas agudizan a crítica en Fisterra.
- Entroido Fisterra 2016: O gran Entroido “peatonal” de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2015: A retranca, polas veas de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2014: A copla ten canteira no Entroido de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2013: A copla sobrevive no Entroido de Fisterra.
- Entroido Fisterra 2012: Un impresionante entroido ácedo e indignado en Fisterra.
- Entroido Fisterra 2011: “Un Entroido que vale un Imperio”.