Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Un impresionante entroido ácedo e indignado en Fisterra

Un impresionante entroido ácedo e indignado en Fisterra

Por algo din que é o "entroido máis tradicional da Costa da Morte". I é que o pobo de Fisterra non perde o humor e a acidez, non perde a sátira e a imaxinación, e non perde ese sarcasmo que fai do entroido fisterrán o máis divertido. Un pracer ve de preto a todos estes pequenos, medianos e maiores meténdose coa corporación municipal ata puntos insospeitaos, con bromas nin os mellores amigos sería capaz de botar en cara.

Precisamente esa ironía é a que fai que centos de persoas enchan, ata límites insospeitados, a Praza da Constitución e todos os seus balcóns. Onte parecía haber máis xente que nunca, pero botábase de menos que o público tamén se achegase disfrazado. Tamén se botou de menos a todas esas comparsas que fixeron historia, como a Galería e os Presajeiros que nos últimos anos viñan dando que falar. De feito, este 2012 só houbo 2 comparsas de Fisterra, cando chegou a haber 9. Pero así e todo, xentes de toda a bisbarra viñeron á fin do mundo para ver o entroido da fin do mundo.

Iso si, a temática vén cambiando nos últimos anos. Este 2012 toca crise, toca recesión e o sentir indignado tamén se fixo ver na vila do Cristo. Os "urdangarines" e as "orquestas" foron protagonistas este ano neste "país de mangantes".

Comezou o entroido, coma sempre, en verso, e da man do alcalde, que antes de sufrir as consecuencias do "enxeño fisterrán" encargouse de apuntar algunhas das queixas da veciñanza, como as cacas dos cans, os atascos ou a veda da pescada. Rosalía e Salomé foron este ano as encargadas de dirixir a festa, e a posta en escena non tivo fisuras: unha continuidade total nas 2 horas de festa que demostran o traballado que teñen cada detalle.

Comeza a sátira

Impresionante, coma sempre, Santi Caneta (unha vez máis travestido) e os seus Rombos. Repartiu canto quixo, e non salvou ninguén. Tanto o alcalde do PP; José Manuel Traba, como o voceiro do PSOE, Pepe Marcote, e mais o do BNG, Modesto Fraga, levaron ata no carnet de identidade. Tras adicarlle un clásico ao alcalde ("Es una lata el trabajar", asunto reincidente na noite de onte), Os Rombos prantexaron unha partida de monopoli entre os supostos Modesto, "afeccionado a tocar o carallo polo facebook", e Pepe "afeccionado á casas rurais, e do que el nada se oe".

Polo camiño, uns pequenos indignados acamparon na praza e cantaron aquelo do "Non hai pan, para tanto chourizo", que vén moi a conto na nosa comarca verbeneira.

Tamén apareceu o mesmo Fraga, pero a mesma Amy Whitehouse tmén voltou para cantarlle o "Aquí xa non temos sitio, non, non, non". De feito, o asunto dos okupas do cemiterio tamén colleu protagonismo, e ata advertiron que non vai ser que apareza don Crisanto por aí...

Entre comilonas de "bichicomas" (véxase, políticos) e empregados municipais con moita cara, rematou esta incrible demostración de imaxinación, lucidez, traballo e sarcasmo, que ben valeu, sen discusión, convertir aos Rombos nos campións do Entroido de Fisterra 2012.

Unha de líos olímpicus

Fantásticamente preparados chegaban dened Cee os baloncestistas do ACB Costa da Morte. De volta aos tempos preromanos, os Asterix e Obelix defendían as terras de Corcubions, Dumbrius, Finisterrae e Ceeum, pero tamén daquela había tempos de crise. A copla explica o sentir da veciñanza: "Esta democracia dá pena, nos venden ás empresas e Botín é o patrón".

Houbo detalles para o botellón, recentemente prohibido na vila da Xunqueira. Pero, como non, tamén houbo recado á corrupción local: "Os alcaldes xa nos poñen as orquestras que os bailés xa os poñemos nós"... E a bailar.

O humor non ten idade

Só por vermos aos máis de 20 maiores bailando e rindo como o fixeron os do Fogar do Pensionista, xa merece a pena achegarse por Fisterra. Só aquí se pode comprobar que o humor non ten idade.

Pero non só baile, se non tamén non "rintintín". Os maiores tamén se amosaron indigandos neste "Pueblo de pasotas", pero o que máis protestaron foi a supresión das Festas do Carme. E a ver se non quitan as do Cristo...

O seu bo facer fíxolles merecer o 3º premio (ben puido ser o 2º) e os premios do Rei do Entroido para Manuel Mouzo, que fixo de Alfonso Díez, o marido da Duquesa, e da Raíña do Entroido para Cynthia, que dirixiu a expedición sevillana dun xeito maxistral.

Uns de Buxantes que xa son da casa

Con acento fisterrán e todo xa se presenta César Ferrío no coliseo fisterrán. I é que impresiona velo, parece que se come a praza coa súa enerxía e dirección. A comparsa dumrbiesa trouxeron o carnaval de Río á Fisterra, como fixeran na fin de semana a Dumbría, onde había 15º, algo máis de caloriño que onte en Fisterra.

Non fica sen burla a comparsa dumbriesa, que onte centrouse no alcalde. Así, o propio Ferrío fixo unha representación dun día de traballo do alcalde, que comezaba ás 9:00h da mañá facendo "xornada continua" pois no canto de ir para cama a esas horas, hoxe, e que non sirva de precedente, tocoulle ir traballar. Esquivando chamadas toda a mañá. Que se chama Ramón Vigo para as "papatorias" da FiTUR: "Non hai problema Ramón, conta comingo". Que se chama Pequeño para as "papatorias" da viaxe polo Camiño: "Non hai problema Pequeño, conta comigo. (estes chulitos de Dumbría...)" Un non parar en toda a mañá vaia...

Así, levaron o 2º premio para Buxantes, nada menos que 1.200€ para que o ano que vén, teñamos de volta, iso seguro, a calidade dumbriesa no Entroido máis auténtico da Costa da Morte.

Máis entroidos

Fonte

Comentarios