Xoves. 19.09.2019
El tiempo

“Un Entroido que vale un Imperio”

“Un Entroido que vale un Imperio”
"Un entroido que vale un Imperio". Así o definía Santi de Caneta, o rei do Entroido fisterrán por segundo ano. I é que o despliegue de medios, o derroche de imaxinación e a marea de retranca que invade a Praza fisterrá cada martes de Entroido non ten parangón. E iso que a familia non se pode nunca separar da política nunha vila coma esta, como apuntaron os sempre divertidos presentadores Roberto Traba Velay, e a súa filla Adriana, a súa vez primos do alcalde. I é que moitas veces, as críticas, neste caso moi verbeneiras, quedan algo menos afiadas do que se esperaba.
Os que non se disfrazaron foron os membros da corporación, que aludiron austeridade para non gastar. A que si se disfrazou foi Mónica Góñez, que trouxo unha gorra para recoller cartos para a fianza do alcalde... 5 comparsas foron as que actuaron e cada unha, ao seu estilo, tiveron moito que dicir. Finalmente o premio foi para "Os Prejaseiros sen Fronteiras", que repiten o título do 2009. A preparación e o mimo co que artellaron a posta en escea e as súas pícaras letras, fíxoos auténticos merecedores do galardón. Fermosa era a estampa de toda a familia prejaseira, xa rematado o certame, compartindo o título a modo pasarrúas por toda a vila. Pero non quedaron atrás os da Galería, que non puideron repetir o título do ano pasado. E iso que a súa proposta de programa de tv "Fisterra Directo" estaba perfectamente coordinada, cunhas cabareteiras que quitaban o hipo. E que dicir dos Rombos, que vestidos de Boliwood ampliaron as súas críticas a ZP. Dende o interior, dende Dumbría, "Buxantes Calidade" demostraron que Fisterra lles é propia e ata se disfrazaron de mariscos. E se Os Rombos demostraron que hai relevo, ver aos veteranos e pioneiros da Casa do Mar explica o por que de todo esto: como un neto non se vai contaxiar vendo bailar sen vergoña algunha a esas avoas tan marchosas?

Dous novos Partidos Políticos

A retranca, a pura retranca, é a protagonista do entroido fisterrán. Pero un apunte quedou claro: o descontento coa vida política municipal (e estatal) é patente, ata o punto de crear dous novos partidos e un novo candidato a alcalde, como foi Nicolás Payaso, do Partido Payaso dos Prejaseiros. Pero tamén a Galería presentarase co CNP (Centolas, Nécoras e Percebes), i que disque están "ata o carallo desa manada de chupóns", así de claro. Da política local, ademais de facer continuas alusión á vida orquesteira da vila nos últimos meses, lembraron os retrasos históricos. Que se a gardería, que se a Casa do Mar, que se o porto de Sardiñeiro... E iso que todos os proxectos están aprobados... só queda sentarse e esperar. O Goberno tamén levou as súas, e iso que a nova norma dos 110 nas autopistas chegou demasiado tarde como entrar nos guións. A jubilasión, o tabaco ou os despliegues policiais foron temas recurridos. A televisión foi a condutora das actuacións. A Galería falou da actualidade en "Fisterra Directo", con conexións en directo criticando os despliegues policiais, as cagadas de can, a gardería ou o ritmo de traballo dos funcionarios do Concello. Ata tiveron tempo de poñer ao alcalde diante da máquina da verdade, pero sempre está a familia polo medio para evitar preguntas peliagudas.
Tamén Os Rombos trouxeron o seu Sálvame particular, e prestaron máis atención ás "vellas jarreando polos peregrinos" que á Operación de moda. Pero a chegada dos Prejaseiros fixo que toda a praza rompera a rir. As Mucha e Nucha (abaixo en vídeo) estiveron simplemente espectaculares. Pero é que o Papa, e "La Roja" fixeron de teloneros para que o alcalde rematase cantando na Panorama. Mención especial merecen os dumbrieses de Buxantes Calidade. Dende o nadal preparando uns traxes espectaculares cheos de mariscos en plan "Jack Sparrow". 40 cativos bailando aocompás dunha estrella do escenario. César Ferrío demostrou, unha vez máis, que é capaz de comerse a praza. Desta volta apareceu de Lady Traba, que lle valeu un premio á Raíña do Entroido máis afiado da Costa da Morte. Para lembrar quedará o divertido debate "Operación Protesta" entre Lady Traba, Pepe Marcote e Modesto Fraga, con recado incluído a Xan Garía e á Fitur.
Veremos de que volven o ano que vén... I é que hai uns anos viñeran de Thriller de Michael Jackson e xa sabes o seu final; hai outros tantos disfrazáranse de orquesta e mira que propio para este ano...

Concurso de Comparsas

  • 1º - Prejaseiros sen Fronteiras.
  • 2º - A Galería.
  • 3º - Os Rombos.
  • 4º - Buxantes Calidade.
  • 5º - A Casa do Mar.

As Mucha e Nucha dos Prejaseiros

A entrevista do alcalde coa Galería

Lady Traba de Buxantes Calidade no Entroido de Fisterra 2011

Os Rombos

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios