Mulleres tecendo memoria: Nunca máis chapapote patriarcal

Imaxe do concerto no marco da Marcha Mundial das Mulleres de Fisterra en 2003. Foto-Javier Alva, Unha Gran Burla Negra
  • Fan un chamamento ás mulleres de toda Galicia e da Costa da Morte para incorporar teas no tapiz conmemorativo da Marcha Mundial das Mulleres de 2003 que será exposto en Fisterra.

Continúa moi vivo o proxecto de recuperación da memoria daquela histórica Marcha Mundial de Mulleres (MMM) do 2003 celebrada en Cee e Fisterra no marco das protestas contra a xestión da catástrofe do Prestige. Un fito do feminismo galego, que a investigadora e curadora, colaboradora da Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra e de QPC, María Bella, está tratando de traer de novo á actualidade.

Xa o pasado marzo, arredor do #8M, unía forzas coa Asociación Femisnista As Curandeiras de Vimianzo, co apoio documental de Mulleres Nacionalistas Galegas e xunto aos relatos de mulleres da Asociación feminista Buserana para recuperar e mostrar nas rúas unha veintena das imaxes desta marcha.

Agora a idea é facer, en colaboración co Concello e con varias entidades de Fisterra, un gran tapiz de tea no que mesturarán imaxes, texto, debuxos e outras pegadas coas que deixar constancia do acontecido. O formato de tapiz retoma as primeiras prácticas artísticas feministas dos anos 70 que buscaban por en valor as tarefas propias das mulleres que foran sempre denostadas a ollos dos homes reconverténdoas en prácticas artísticas experimentais e de liberación. Serven de inspiración artistas clásicas dos femisnismos artisticos como Miriam Shapiro ou Judy Chicago ou artesans das teas menos coñecidas como Rosie Lee Tompkins, como esta.

Chamamento

De aí que a proposta faga un chamamento a todas as mulleres da Costa da Morte e de toda Galicia, para que envíen retais de teas para conformar un tapiz colaborativo.

O tapiz será elaborado coa colaboración das mulleres do obradoiro de costura creativa e de accesorios conducido por Estefanía Domínguez Trillo no Concello de Fisterra. Compoñeráse coas imaxes e documentos de arquivo e coas distintas teas de mulleres.
Estará exposto ao público na Casa do Arco de Fisterra a partires do 18 de setembro.

Así as que queirades participar podedes poñervos en contacto con María en mariabellabuschmann@gmail.com ou enviar directamente durante o mes de xullo o(s) voso(s) retais de tea (poden ter a cor ou estampado que queirades e o tamaño que consideredes (unha boa medida de referencia é o A3) á súa oficina: Rúa Antonio Porrúa, 3, Corcubión, 15130.
Podedes porsuposto incorporar se así o desexades unha mensaxe ou un nome.

Novas relacionadas