Venres. 19.04.2024
El tiempo

Vimianzo vístese de #8M

Exposicion 8M Nunca Mais en Vimianzo
Os escaparates de Vimianzo xa teñen a nova exposición do 8M e o Nunca Máis
Vimianzo vístese de #8M

Ponse xa de Día Internacional da Muller a capital de Soneira. Faino a través da singular exposición nos escaparates que artellan as Curandeiras xunto con María Bella, que xa nos leva á loita que a comezos de século as mulleres da comarca protagonizaron o marco da loita polo #NuncaMáis.

Exposicion das Curandeiras en Vimianzo

Paralelamente o Concello prepara tamén unha escolma de actividades de cara a conmemoración do 8 de marzo. A iniciativa estrella é a creación dun xardín vertical no miradoiro da Torre, baixo o lema “(Im)plantemos a igualdade”, e no que poderá participar a veciñanza mediante cita previa, co fin de evitar aglomeracións e cumprir cas recomendacións sanitarias. Habilitarase o número de teléfono 604 004 086 que estará dispoñible durante a xornada do mércores 3 de marzo e o xoves 4 de marzo. A composición terá lugar durante toda a xornada do venres. O luns 8 de marzo celebrarase o acto de presentación do xardín rematado ás 12:00 horas.

Xardín vertical
Montando o Xardín Vertical

Por outro lado, convocouse o concurso de imaxe gráfica coa finalidade de promover a igualdade e empregar como distintivo nas comunicacións e documentos oficiais do Concello de Vimianzo, e propiciar así unha reflexión sobre as desigualdades de xénero establecidas na sociedade. Participará o alumnado do IES Terra de Soneira e o prazo finaliza o vindeiro 22 de marzo. A imaxe debe expresar a reivindicación da igualdade entre as persoas.

Por último, tamén está prevista a organización o vindeiro 11 de marzo dun teatro-coloquio coa compañía Tarabela Creativa e cuxos destinatarios serán as alumnas e alumnos do obradoiro de emprego. Será na Casa da Cultura ás 10:30 horas e o espectáculo denomínase “Tabú”, un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade das mulleres que son cimento da nosa terra. A obra, de Carmen Conde, nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude.

Artigos relacionados

Novas sobre o 8M

Crónicas do 8M de 2020

Comentarios