O primeiro PXOM de Fisterra, xa no DOG

Trala sinatura do pasado mes de agosto, e despois de 18 anos de trámites, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de aprobación definitiva do PXOM de Fisterra. Un documento necesario (substitúe ás normas subsidiarias de planeamento que rexían no concello desde 1996) que buscará preservar o patrimonio natural e cultural polo menos durante os vindeiros 12 anos.

Agora o Concello xa ten un marco de seguridade xurídica desde o punto de vista urbanístico para non facer o “ti vai facendo”, e garantir un desenvolvemento sustentable, serio e ordenado do territorio.

Concentrar a expansión nos núcleos de poboación

O PXOM prentende “conservar e potenciar os actuais núcleos de poboación”, tendo en conta que o 92% do termo municipal está catalogado como solo rústico. A idea é frear a dispersión edificatoria e consolidar ás áreas xa construídas e os núcleos de poboación existentes.

Aposta polo casco

Tamén ten como obxectivo “apostar pola recuperación do casco histórico municipal”, coa conservación do patrimonio xa construído, buscando a rehabilitación e a recuperación de espazos urbanos relevantes, de elementos arquitectónicos singulares e das tramas tradicionais existentes no casco histórico. Así mesmo, tamén se prevé completar as estruturas urbanas de Sardiñeiro e A Anchoa, cuxo crecemento deu lugar á formación de bolsas de solo vacante.

Ademais, tamén hai espazos para habilitar zona verde, equipamentos, aparcadoiros e demais servizos públicos.

Enn materia residencial, o PXOM prevé un crecemento máximo durante os próximos 12 anos de 1.531 vivendas novas.

Como dato, en Galicia, aínda quedan 209 concellos sen aprobar este necesario documento urbanístico.

Novas relacionadas