ASFACOS conta xa con 22 clubs integrados para dar voz ao Fútbol da Costa
Celebrouse onte luns 3 de febreiro, a Asemblea Xeral da nova Asociación de Fútbol Afeccionado da Costa (ASFACOS). O edificio Multiusos de Santa Comba acollía un evento que pode ser chave para o futuro do deporte rei na comarca, e que busca afianzarse como “unha voz única e forte ante as institucións”.
A entidade, que conta xa con 22 clubs integrados e varios en trámites dos 39 que abrangue a nosa sudelegación, celebrou un encontro con ampla representación no que a Xunta Directiva presentou as liñas mestras do seu plan para esta campaña, entre as que destacan a formación, a celebración dun torneo de verán, a creación de campus deportivos de tecnificación, así como a publicación dunha revista propia.
O presidente da entidade, Vinto Tajes, destacou a importancia de colaborar coa Real Federación Galega de Fútbol trala reunión mantida entre ambas entidades, para perfilar a confección dos plans constitucionais. A entidade tratará de ser a voz da comarca para que se garantan as peculiaridades da nosa contorna.
Durante a sesión, O vicepresidente, Ricardo Serrano, propuxo unha cota de 100€ por tempada, que podería ser condonada para esta campaña.