Baio e Soneira xa teñen rivais para a promoción de ascenso á 1ª
- O Coristanco, pendente do ascenso dalgún dos dous equipos para poder salvar a categoría
Tralo domingo de infarto, e unha vez asegurados os postos de promoción, Baio e Soneira xa teñen rivais para buscar o seu ascenso á categoría provincial. Celebrouse onte o sorteo da fase de ascenso a 1ª Futgal, e os equipos soneiráns terán que superar dúas eliminatorias para conseguir o ansiado ascenso e volver a unha 1ª da que caeron non fai tanto. O Baio aínda estivo na 23/24 e o Soneira na 22/23.
O Soneira terá que superar ao Riotorto FC, da provincia de Lugo, nas semifinais, coa ida este domingo no Municipal de Vimianzo. Se pasa, os de Josiño Abelenda terán que superar ao vencedor da eliminatoria entre Brexo Lema e Racing San Lorenzo.
O Baio visitará o campo do Cacheiras este domingo na ida das semis, e se pasa o cadro de Félix terá que superar ao que venza de Imperátor - San Sadurniño para ascender.
Pendente estará o Coristanco, cuio arrastre polo descenso do San Lorenzo depende do posible ascenso dun dos dous equipos.