Copa da Costa: Xa temos Dezaseisavos

Imaxe do intenso Zas-Malpica da Copa da Costa-Foto-Noe Touriñán

Este domingo de Resurrección arrincou a 60ª edición da Copa da Costa 2025. Fíxoo con 4 partidos da Previa, que deixa xa listo o cadro de Dezaseisavos para o 1 de maio.

A Previa deixou dúas eliminatorias claras, nas que se viu a diferencia de categoría, e dúas igualadas.

Seaia - Porteño (2-6)

Seaia e Porteño na Pedra Queimada. Foto- Parker

En Pedra Queimada, o Porteño tivo que superar dúas veces a resposta do Seaia, pero acabou goleando 2-6. Todo na segunda parte, porque na primeira non se moveu o marcador. Miller abría o choque no m.50, pero respondía Kevin. Alfredo volvía poñer por diante aos de Pirucho, pero Alex Mato empataba de novo con só 15 minutos por diante. Pero o gol 2 minutos máis tarde de Darío foi un duro golpe para o Seaia, que se veu arriba, e veu como en 5 minutos lle caían 3 novos tantos, de Miller, Mayor e Alfredo de novo.

Nantón - Coristano (0-3)

Nas Fontiñas, o Coristanco de Iván Vázquez tamén tivo que esperar á segunda para sentenciar o pase. Jonathan Fraga nada máis saír, Dani Casti no ecuador, e Javi Bermúdez no treito final, foron os goleadores para eliminar ao Nantón.

Zas - Malpica (1-2)

Andrés e Aday, capis de Zas e Malpica, co árbitro Manuel Castro Mouzo e asistentes Carlos Señaris e Alfonso Caamaño

Pola súa parte, o Malpica superou ao líder da 3ª nun choque tremendamente igualado. O Zas chegaba coa motivación de que estaba o Baio esperando na seguinte fase e o Malpica debía recuperar motivación despois do partido de Sofán. 
Saía forte o Malpica, pero era Juan Touriñán o que abría o marcador ao fío do descanso para os de Rubén Forján e Alfredo Pereiro, nunha saída de balón dos malpicáns. Continuou o encontro e case ao borde do descanso nun saque de esquina o porteiro local sacou un balón debaixo dos paus dun cabezazo de Chicha.

O cadro de David Baña saíu a por todas na segunda, dominando territorialmente e tendo as mellores ocasións. Luís empataba faltando un cuarto de hora, nunha xogada por banda esquerda tras un sombreiro e unha vaselina e foi Chicha tras un centro de Luís, xa no 89, o que marcaba o gol da vitoria para os malpicáns (primeira derrota do curso do Zas en San Andrés), que soñan con repetir a fazaña conseguida hai 40 anos polo Malpica do 1985.

Corme - Corcubión (1-2)

Pola súa parte, no Cairo, o Corcubión conseguiu o pase ante un gran Corme. Foi un partido moi intenso, cos dous equipos dándoo todo. Tras media hora de igualdade, Iago Lema adiantaba aos de Isidro á saída dun córner e de aí o descanso puideron ampliar a renda o mesmo capitán.
Saía con todo na segunda o Corme, que vía como ademais David Lojo era expulsado nos visitantes. Joshua empataba o choque e o Corme tiña a eliminatoria na man, pero o Corcubión, cun menos, non escatimou esforzos e conseguíu marcar por medio de Jose a 10 para o final e soubo manter a vantaxe.

Máis info