As familias collen o relevo da directiva do UC Cee
Xa está en marcha a nova directiva familiar do Unión Club Cee. Con Jesus Manuel Pazos Mariño á cabeza, como presidente, un equipo formado principalmente por pais e nais de xogadores, protagonizan o relevo máis natural que ten que ir acontecendo no noso Fútbol da Costa. Un fútbol da Costa cada día máis centrado na base, no que xa van desaparecendo aquelas persoas que dedicaban a súa enteira vida á supervivenza do club.
Coa axuda de xentes como Úrsula Gómez (activa tamén na Asoc. Paseniño), Grecy Mayo Sánchez, José Raúl Gómez Rivera ou Verónica Bonilla (parte tamén da Comisión de Festas da Xunqueira), o novo presidente intentará reconducir o camiño dun club no que a meirande parte do peso da xestión recaía nas mesmas mans. Pazos Mariño, con experiencia xa de 10 anos como presidente do Club Cee Deportes de Contacto, e o seu equipo, manterá en breve unha reunión cos socios e tamén co equipo directivo actual, para ir perfilando xa a temporada que vén.