É o momento

Momento importante, e clave para o que pode ser o seu futuro, o que vive o Fútbol da Costa. A polémica xurdida arredor do despedimento de Manuel Espasandín como subdelegado arbitral da Costa, o rotundo rexeitamento ao Bergantiños CF, así como a petición expresa por Óscar Leis da creación dunha Delegación para o Fútbol da Costa, están removendo os cimentos da comarca.

A realidade é que o Fútbol da Costa está máis firme e unido que nunca, cos clubs, os colexiados e mesmo as familias, remando nunha mesa dirección. E a postura dialogante e conciliadora do novo presidente da RFGF, Pablo Prieto, abre ademais as portas a que se tomen decisións que sexan do agrado do colectivo costeiro.

Dende QPC levamos moito tempo considerando (dende a postura de vertebrar unha comarca a través da concordia, propoñendo sen interese en levantar enfrontamentos) que a creación dunha Delegación propia para A Costa é unha solución viable e positiva, que recoñecería a singularidade do noso Fútbol, dos nosos clubs, e que permitiría que o Fútbol da Costa deixase de ser un grupo incómodo dentro dunha Delegación allea.
Non podemos deixar de agradecer o conseguido ata agora, esa subdelegación que tanto achega as necesidades para os nosos clubs, cun Manuel Corredoira ao mando, que se ben non é do agrado de todos, sempre está escoitando e trasladando as inquedanzas dos nosos representantes.

Pero se cadra é o momento de dar un paso máis. E aí teñen que estar á cabeza, dunha ver por todas, cada dun dos 36 clubs do Fútbol da Costa, eses que moitas veces falan nos corrillos pero calan nas reunións importantes.

A problemática arbitral

A polémica destitición do subdelegado arbitral e a intención de designar dende fóra da comarca xa trouxo varios problemas en partidos amigables. Primeiro foi en Muxía, onde a delegación herculina non enviou asistentes para un amigable contra o Depor Xuvenil, e acabou botando a culpa ao club por non cubrir ben a intranet, a pesar de telo feito coma sempre. Esta mesma semana, no X Memorial Marcial García de Verdillo, o Comité enviou un árbitro coruñés sen que os árbitros costeiros soubesen nada...

Pero é que o caso de Manuel Espasandín é un caso paradigmático, que simboliza moi ben como funciona a nosa comarca. Que as familias dos colexiados menores se mobilicen deste xeito para a readmisión dun subdelegado arbitral é algo que non se ve en ningún outro lado.

Que consigan mobilizar 2.000 sinaturas (incluídas a de alcaldes e representantes políticos de todos os partidos), por moito que ao Comité Técnico de Árbitros “non lle valgan para nada”, é un feito impresionante.
Non sentaron moi ben esas palabras sobre as sinaturas dun dos responsables do CTA entre o colectivo arbitral e as súas familias, como tampouco valeu o simple argumento da “falta de confianza”. Por non falar do desafortunado símil da “Autopista”, aquí na Costa da Morte, onde levamos 20 anos esperando que se faga unha realidade”…

Pero con todo, esas 2.000 sinaturas seguro que as ten presentes o presidente Pablo Prieto para a nova reunión que vén de convocar para este luns 19 de agosto co presidente do CTA e os colexiados costeiros, implicados e mobilizados na readmisión de Espasandín, e na creación tamén dunha Delegación propia para a Costa.

Máis novas