O Xallas métese na final polo ascenso á 1ª FUTGAL
- O non ascenso do cadro baiés provoca que o Monte Louro sexa xa equipo da 3ª.
Moi ben está facendo as cousas este renovado Xallas. En apenas dous anos, e cun proxecto cenporcen xalleiro, volveu da 3ª, e se cadra máis rápido do que pensaba, está agora a dous chanzos da 1ª FUTGAL. Os de Doriño superaron ao Suevos e se colan na finalísima polo ascenso, nestas eliminatorias que tanto nos costan aos equipos costeiros.
E senón que llo pregunten ao Baio, que quedou ás portas de colarse tamén na eliminatoria final. Os de Lobelos, que viñan de vencer 2-1 na casa, acabaron sucumbindo e caendo por 3-1 en terras ferrolás, poñendo punto e final, en todo caso, a unha gran temporada, onde con xente moi nova e da casa, o equipo competiu ao máximo na Liga da Costa.
O non ascenso do cadro baiés provoca que o Monte Louro sexa xa equipo da 3ª. O Sofán B tifa agora co Xallas, pois o ascenso xalleiro significará a súa salvación.
Xallas - Suevos (2-1)
- Xallas: Iván Couto, García, Adrián Couto, Elvis, Dani Barbeira, Facal, Maca, Peke, Rubén Sande, Rubén Blanco, Sergio Barbeira. Tamén: Íker, Martín, Pablo Landeira, Bryan, Julián, Bernardo e Alberto.
- Goles: 1-0, m.19: Rubén Sande; 2-0, m.48: Rubén Sande; 2-1, m.91: Mario Román.
Tralo 0-0 da ida, chegaba o Xallas coa mesma formación que alá, esperando algo máis atrás, e buscando os espazos á contra. E conseguían roubar e saír rápidos en transicións os de Doriño, coa velocidade dso Rubén Sande e Blanco e Maca. Así chegaba o primeiro gol de Rubén Sande, cun balón ao espazo que definía moi ben.
Non houbo moito máis ao descanso, e o Xallas conseguía manter ao equipo rival lonxe da súa área. Chave foi o segundo nada máis saír, cun pasazo espetacular de Adrián Couto para que Rubén Sande definise con tranquilidade. Non sufría demasiado os xalleiros, que tiñan outra de Sande para sentenciar pero foi repelida polo poste.
Pouco a pouco os arteixáns foron colgando balóns, marcando no desconto, e deixando 5 minutos de incerteza nos xalleiros, que souberon sufrir, e meterse na finalísima polo ascenso a 1ª FUTGAL.
Agora esperan a final, tamén a doble partido, ante o At. Os Castros.
San Saduriniño - Baio (3-1)
- Baio: Julián, Bruno, Pablo Rod., Norberto, Pazos, Miki, Chechi, Jose Ángel, Damián, Víctor e MC. Tamén: Javi, Josiño, Alex Muíño, Brais, Fabián, Mamadou e Nando.
- Goles: 1-0, m.16: Cristian Varela de falta lonxana; 2-0, m.51: Antón Senra; 3-0, m.68: Christian Fdez.; 3-1, m.93: José Ángel.
Non chegou. Levaba un 2-1 de vantaxe o cadro de Diego Lobelos a terras ferrolás, con varias baixas importantes, pero o equipo acabou perdendo por un 3-1 que o deixa fóra da loita polo ascenso.
Saíron mellor os locais, que se metían por diante gracias a un ambiente moi pechado dos afeccionados locais. Era un partido feo, co cadro local con varias marchas máis de intensidade que estaba sueprando aos baieses.
Non sufriu aí ata o descanso o cadro baiés, coa eliminatoria empatada. Saíu mellor na segunda o de Lobelos, tendo algunha chegada, pero nunha especie de falta lonxana que parecía un centro cólase sen que a tocase ninguén.
Reaccionaron os baieses, metendo ao rival na súa área, tendo varias ocasións para recurtar e empatar a eliminatoria. O balón estaba moi preto da área ferrloá, pero caía o terceiro. Non desistiron, e no desconto metíanse de novo na eliminatoria. E tivo o empate na última do partido: un centro colgado, falla o porteiro local, rematan os baieses, un defensa para o balón coa man; a colexiada non pita, pero o asistente levanta o banderín e cando parecía que era penalti e expulsión, a colexiada pitaba fóra de xogo, botando por terra as esperanzas dos baieses e dos loureáns.