A Escola Municipal de Laxe estreou unha completa temporada de Teatro
A Escola Municipal de Teatro de Laxe comezou onte, martes 5 de marzo, toda unha serie de actuacións programadas que, un ano máis, darán conta do traballo realizado durante o presente curso 2012-2013 da mesma.
Así, o grupo de Secundaria da Escola Municipal de Teatro de Laxe, presentou a obra CAMIÑOS na Biblioteca do C.P.I. Cabo da Area de Laxe. A representación consistiu nun espectáculo teatral de animación á lectura na que os actores e actrices (alumnado de secundaria do colexio pertencente á Escola de Teatro Municipal), a través do xogo, achegaron ao alumnado deste centro educativo á maxia, á ledicia e á fantasía que proporciona a lectura.
Os actores e actrices accionaron a panca da metaficción e trasladaron ao espectador/-a a un heteroxéneo universo literario que bebe da obra de Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Joaquim Murale, Castelao, Núñez Singala, Rosalía de Castro, Albert Camus, Osvaldo Dragún, etc.
Completo programa
A actuación de onte, tal e como adiantabamos con anterioridade, foi só o comezo de todo un programa de actuacións que os diferentes compoñentes da Escola Municipal de Teatro de Laxe (51 actores e actrices de idades comprendidas entre os 3 e os 50 anos) xunto co seu profesor, Afonso García, teñen previsto realizar nos vindeiros meses.
Polo de pronto xa poden confirmar unha serie de espectáculos e lugares de actuación confirmados que percorrerán durante este ano a Escola Municipal de Teatro de Laxe.
- Supersticións.
- O planeta azul.Camiños.
- O trasno do lixo.
- A illa deserta.
- A raíña da escuma.
O programa de actuacións é o seguinte. Durante o mes de marzo, será o grupo de alumnos/as da Escola de Teatro de Primaria os que presenten a obra preparada de animación á lectura por parte do alumnado da Escola de Teatro Municipal destas franxas de idade na biblioteca do CPI Cabo da Area. Tratarase de igual xeito dunha actuación de carácter pechado para o público escolar.
Ambas as dúas obras de animación á lectura serán presentadas ao público en xeral durante un venres do mes de maio na Biblioteca municipal. A data e horarios destas actuacións comunicaranse nos vindeiros días.
- Sábado 13 de abril en Palas de Rei. Nesta localidade participarán as Aulas de Teatro da Estrada, de Touro, o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei e a Escola Municipal de Teatro de Laxe. Haberá un roteiro teatral no Castelo de Pambre, ponte medieval sobre o río Pambre e á beira do río Pambre.
- Sábado 27 de abril, a Escola de Teatro de Laxe participará no Festival e roteiro teatral pola “Fervenza” de Ouzande (A Estrada), organizados pola Aula de Teatro do IES Antón Losada, “Avelaíñas Teatro”. Participarán tamén o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, Avelaíñas Teatro e a Aula de Teatro do CPI de Touro. Despois presentarase un espectáculo conxunto dos catro grupos no Teatro Principal da Estrada ás 19:00 horas.
- Sábado 11 de maio participará no roteiro polo Pazo de Andeade e presentará a obra no Concello de Touro, xunto cos outros tres grupos. Haberá, ademais, unha función na Residencia da Terceira Idade “Os Tercios”.
- Entre os días 15 e 19 de maio realizarán unha viaxe a Portugal, Estremadura e Madridcos outros tres grupos de teatro cun completo programa que inclúe actuación conxunta no Auditorio da Universidade de Chaves (UTAD.), unha visita á UTAD e Chaves, e posteirior actuación ás 21:00 horas no Auditorio de Idanha A Nova, unha actividade de animación á lectura no Centro Cultural Raiano de Idanha A Nova para o alumnado do Instituto de Ensino Secundario, un roteiro teatral polas localidades de Idanha A Velha, Monsanto e Penha Garcia; actuación na Sala Trajano de Mérida para alumnado de Educación Secundaria; visita a Mérida e actuación no Teatro romano de Mérida; e uhnha actuación na entrega de Premios do Festival de Teatro de Navalmoral de la Mata.
- Sábado 2 de xuño, actuación conxunta dos catro grupos das diferentes Escolas de Teatro dos concellos de Touro, A Estrada, Palas de Rei e no Festival TEATRAPA de Laxe e no roteiro teatral pola praia de Laxe, praia dos cristais, faro, etc.
Novas relacionadas
- Talía Teatro, candidata a 5 premios María Casares polo Método Grönholm.
- Nace Colaxe, un novo espazo educativo para o pequenos de Bergantiños.
Fonte
- Concello de Laxe.