Tras abrir a lagoa de Baldaio, piden actuar sobre a de Traba
Este pasado venres, a Xunta rematou os traballos de apertura da lagoa de Baldaio, que viña provocando inundacións na zona pola súa subida e a súa falta de apertura natural ao mar.
Algo semellante pasa na Lagoa de Traba, onde a natureza non é capaz, como si acontece no fenómedo no ingüeiro na Lagoa das Xalfas, en Louro, conectar co mar e liberar o asolagamento. Ante esta situación, e tras coñecer a situación, o parlamentario do Bloque Nacionalista Galego Oscar Insua vai trasladar a situacióna o Parlamento Galego.
Dende o BNG local consideran neceario resolver os problemas de asolagamentos no lugar de Traba, debido á falla de mantemento e conservación da Lagoa-Dunas de lugar, declarado Espazo Natural Protexido e inscrito na Rede Natura 2000 como ZEPA e LIC. O BNG sinalou que esa falla de mantemento provoca que a auga do ríos de Traba e do rego de Vao, xunto coa da choiva, quede estancada tanto na lagoa como nas fincas colindantes, impedindo que os veciños poidan traballar as súas terras durante o ano e desprendendo cheiros no verán en todo o val.
A edil Cristina Vázquez explicou que “as canles de auga entre os ríos e a lagoa, e esta e o mar, están tupidas pola maleza, e a auga non corre, queda estancada; é preciso limpalas para que o ecosistema funcione correctamente, para restablecer o réxime hidrolóxico natural e de paso que a veciñanza poida traballar nas súas terras, tamén coa maquinaria, porque agora é imposible”.
Os nacionalistas desprazáronse ata Traba para comprobar “in situ” as actuais condicións deste espazo natural e constataron que o problema vai a peor porque a Xunta non fixo nada desde o verán, cando volveron denunciar a situación. “Os días que chove moito, a auga cobre parte das estradas e é un perigo para a circulación dos coches, mais como cadre un bo chaparrón as casas máis baixas como as de Cernado acabarán con inundacións”, advertiu a portavoz municipal.