Anuncian o comezo da redacción do Plan da restauración ambiental da Lagoa de Traba ante as críticas da oposición

Visita da delegación da Xunta á Lagoa de Traba

Despois de máis dun ano de peticións por parte do BNG, a Xunta anunciaba en xaneiro que comezaba a facer o “estudio integral” da rehabilitación da lagoa de Traba. I é que o sistema lacunar de Traba, formado polo río do mesmo nome e o rego de Vao, sofre un forte deterioro ambiental pola falta de mantemento das súas ribeiras e pola colonización vexetal descontrolada que estanca o réxime natural das augas. Esta situación leva provocando unha perda progresiva de biodiversidade e tamén importantes problemas para as fincas agrícolas circundantes, que permanecen asolagadas gran parte do ano.

Tiveron que pasar meses para que a Xunta se decidise a actuar. Hoxe, unha delegación visitou a zona para anunciar un investimento por parte da Xunta de Galicia de arredor de 2,5 millóns de euros a un proxecto integral de restauración ambiental da lagoa de Traba, no concello de Laxe, a executar entre os anos 2027 e 2028. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, recoñeceu que a Xunta aínda comezará agora a “redacción do proxecto” para concretar as medidas de control da vexetación perimetral; restauración do sistema dunar e dos seus hábitats (tanto no medio seco como húmido); recuperación ou reforzo da flora e fauna locais e eliminación de especies exóticas invasoras; actuacións sobre o desaugadoiro natural para recuperar a dinámica hídrica deste espazo e evitar inundacións nos terreos adxacentes; ampliación da lámina de auga, e mellora do uso público e da experiencia dos visitantes (paneis, balizamento de áreas sensibles, adecuación da pasarela…).

Críticas do BNG

O BNG na lagoa de Traba con Ana Pontón

O BNG de Laxe denunciou a visita da Conselleira por considerala “absolutamente propagandística”. Critican que nos últimos 6 meses a mensaxe pasou de ser “A Xunta está ultimando o proxecto para restaurar a lagoa” (dito en febreiro) a “imos comezar a redactar o proxecto (agora en xuño).

“Hai catro meses dicían a Xunta nun comunicado oficial que o proxecto para a rehabilitación da lagoa de Traba estaba ultimado, é dicir, que estaba xa listo, e agora, catro meses despois din que este ano van facer o proxecto de rehabilitación. En que quedamos, estaba listo ou aínda teñen que facelo? Xa basta de mentiras, basta de anuncios e propaganda e basta de vir a Laxe a vender fume, porque Laxe merece moito máis que titulares”, destacou a candidata do BNG á Alcaldía, Cristina Vázquez.

Dende o BNG botaron en falta ademais que a comitiva da Xunta fixeran referencia á situación das dunas e ao exceso de area, ou calquera outro asunto municipal.

Máis novas