Cristina Vázquez del Prisco será a candidata do BNG de Laxe ás Eleccións Municipais de 2027

Cristina Vázquez del Prisco nunha charla solidaria

Vanse perfilando as candidaturas locals do BNG de cara ás eleccións municiais de 2027. Así aconteceu xa en Carnota, e así vén de pasar en Laxe, onde o Consello local do BNG decidiu profundizar na renovación do partido e escoller a Cristina Vázquez del Prisco como candidata á Alcaldía de Laxe de cara ás eleccións municipais de 2027. A mestra e escritora toma o relevo de Xosé Manuel Pose Lema, despois de que o até agora máximo referente da organización comunicase a súa decisión de non repetir como cabeza de lista nos próximos comicios locais.

Cristina Vázquez xa ocupou o número 2 na candidatura nas pasadas eleccións e actualmente forma parte do grupo municipal do BNG, xunto co propio Pose e  Isabel María Toja, tras ter logrado un gran resultado nas urnas, triplicando representación e cunha porcentaxe de voto nunca antes acadado.

Cristina Vazquez del Prisco, á dereita, xunto con Isabel Toja e Xose Manue Pose 

A nova candidata encara o reto “coa máxima ilusión e responsabilidade, -explicou-, sabendo que teño ao meu lado un gran equipo de compañeiros e compañeiras dispostas a dar o mellor de nos mesmas, sen escatimar esforzos e cun gran obxectivo: conseguir a Alcaldía e que Laxe teña por primeira vez un goberno disposto a darlle ao noso concello o futuro que se merece”. 

Vázquez del Prisco destacou que quedan por diante dous anos de intenso traballo, nos que o BNG vai “redobrar” esforzos, en contacto directo coa veciñanza, explicando o proxecto do Bloque para construír un Laxe mellor. 

 

A nova candidata aproveitou a súa elección para destacar o “extraordinario” traballo de Xosé Manuel Pose ao longo dos últimos anos,  subliñando a súa capacidade e experiencia política, o seu coñecemento do funcionamento da administración e a súa capacidade para xestionar, como demostrou na súa etapa como concelleiro de Turismo. “Pero sobre todo, quero destacar a súa gran faceta humana, a súa capacidade de crear equipo e de ilusionarnos incluso nos momentos máis difíciles, que tamén os houbo. Xosé Manuel Pose é un dos bos e xenerosos”, destacou Vázquez del Prisco.