Estabilizado o incendio de Laxe-Vimianzo tras unirse e arrasar máis de 200 hectáreas
A Consellería do Medio Rural actualizaba ás 20:30h deste domingo 12 de xullo a situación dos incendios de máis de 20 hectáreas en todo o país, destacando que ás 19.30 horas se daba por estabilizado o incendio rexistrado nos concellos coruñeses de Vimianzo e Laxe, que se fusionou, como un único lume, tras unirse os iniciados na parroquia de Salto, en Vimianzo, ás 20.16 horas de onte sábado, e na de Nande, en Laxe, ás 21.55 horas tamén de onte.
Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de preto de 200 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado e conxunto, 4 técnicos, 32 axentes, 42 brigadas, 35 motobombas, 5 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 1 avión.
Axentes antiincendios aseguraron que a falta de pistas forestais transitables dificultaron a extinción destes dous incendios que segundo as primeiras pesquisas prenderon polos raios da tormenta eléctrica da noite do sábado.