Seguen activos dous incendios en Laxe e Vimianzo
Tarde noite de incendios vivida na Costa da Morte, posiblemente provocados polos raios da tremenda tormenta eléctrica vivida na tardiña de onte. Membros dos corpos de extinción aseguran que hai moitos problemas para acceder á zona pola falta de pistas transitables.
Pasadas as 20:35 varios medios desprázabanse ata os montes de Couceiro, en Muxía, para sufocar un incendio.
Pouco antes, ás 20:15, saltaban as alarmas en Salto, Vimianzo. Parecía que se controlaba antes da 23:00h pero a primeira hora da mañá permanece activo, e segundo as últimas estimacións provisionais da Consellería de Medio Rural, afecta arredor de 40 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 7 axentes, 10 brigadas, 8 motobombas, 1 pa e 1 unidade técnica de apoio.
Á mesma hora saltaba outro incendio, por Viqueira, no Aprazadoiro, na parroquia da Nande, en Laxe, que foi achegándose cara ata Traba, e mesmo se chegou a ver dende as festas de Soesto.. Segundo as últimas estimacións provisionais da Xunta ás 9:30h, rolda as 100 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 2 técnicos, 13 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, 4 pas e 2 unidades técnicas de apoio.