A gastronomía toma o mando en Laxe

Carlos Blanco e Touriñán e Alex Bergantiños xa o son. E dende esta finde, Arturo Fernández e Iván Domínguez, son novos embaixadores de Peixe e marisco de Laxe.

Novo éxito das Xornadas de Pesca Artesanal no “No Mar da Lonxa de Laxe”, organizadas pola Confraría da vila. 3 días de actividades arredor da riqueza gastronómica do noso mar, que tivo un dos momentos álxidos a homenaxe a estas dúas personalidades.

Arturo Fernández e Iván Domínguez rodeando a Antonio Devesa da Confraria de Laxe 

Durante o acto, ambos destacaron a súa vinculación con Laxe e a súa lonxa. Arturo Fernández lembrou a súa especial conexión con esta vila mariñeira, nacida durante a rodaxe do 20 aniversario de Mareas Vivas, e eloxiou os produtos locais: "Laxe é percibida como un lugar auténtico, con peixe de alta calidade e moi distintivo. Pero o mellor do peixe de Laxe é vir e disfrutalo aquí", afirmou.

Pola súa banda, Iván Domínguez relatou como unha conversa co cociñeiro Miguel Mosteiro durante o evento anterior o animou a abastecer o seu restaurante NADO, na Coruña, directamente á lonxa de Laxe. Desde entón, vén visitándoa un par de veces á semana. "Para min, visitar a lonxa forma parte da experiencia culinaria. Fágoo con moito respecto, aprendendo na lonxa e cos pescadores", explicou, non sen bromear sobre o respecto que aínda sente ao deter a poxa.

O cociñeiro tamén foi un participante destacado nun dos espectáculos de cociña do día, no que ofreceu unha clase maxistral sobre fileteado de peixe e preparou un salmonete en directo en caldo curto. Na cociña acompañoulle Miguel Mosteiro, o responsable culinario do evento.

Iván Domínguez en acción

Lonxamar.com

Este evento tamén serviu para presentar publicamente Lonxamar.com, a nova tenda en liña da Lonxa de Laxe, que permitirá mercar peixe fresco directamente na lonxa e recibilo a domicilio en calquera punto de España. «Non todos os produtos están sempre dispoñibles, porque depende do que se pesque cada día», explicou Antonio Devesa, secretario da Confraría. Polo tanto, a páxina web ofrecerá lotes variables do peixe fresco do día, fomentando así o descubrimento de especies menos coñecidas e con gran potencial culinario.

1000 racións

As xornadas comezaron e pecháronse comendo. Se o venres houbo unha navallada, e o sábado coa distribución gratuíta de 350 racións de arroz con peixe e marisco da lonxa; o domingo servíronse arredor de 1.000 racións de peixe frito, peixe rebozado e navallas á grella. Na carpa situada detrás da lonxa, veciños e visitantes puideron degustar especies como sardiñas, raias, xurelos, xardas, robalizas, abadexo, pescada, faneco e congro, acompañadas de patacas de Coristanco, nunha colaboración entre a confraría de Laxe e o concello veciño.

A afluencia de público foi constante desde a apertura da carpa ás 13:00 horas, cando se comezaron a servir as primeiras racións. A oferta gastronómica foi elaborada polo cociñeiro Miguel Mosteiro e o seu equipo, sendo as navallas o prato máis popular.

Obradoiros

As xornadas tamén incluíron obradoiros culinarios infantís que tiveron moi boa acollida. Os máis pequenos prepararon e degustaron pratos de peixe, demostrando que, cunha presentación atractiva, este produto tamén pode conquistar os seus padais.

Novo evento gastronómico

Reunión de APTCM coa Consellería do Mar

E a gastronomía segue collendo peso tamén no sector turístico como explica a APTCM, que tras unha reunión coa Consellería do Mar, explica que avanzan nun proxecto de productos identitarios da gastronomía da Costa da Morte. Terán cabida nesta publicación peixes, mariscos, productos da horta, carnes, conservas, acuicultura e tamén receitas dos establecementos da restauración socios de APTCM, nun proxecto que executará Paadin eventos.