As plataformas veciñais contra os proxectos mineiros de Fornelos e Coéns únense en Laxe

Este xoves houbo unha emotiva e reivindicativa xuntanza na Praza dos Voluntarios (diante do concello de Laxe). A Plataforma contra a mina de Coéns, a pesar do anuncio da denegación do proxecto mineiro Don Sebastián, convocaba unha nova xuntanza para defender a súa terra fronte a estes abusivos proxectos industriais.

Acompáñaronas varias ducias de persoas de Fornelos e Cabana, afectadas polo outro proxecto mineiro que ameaza a nosa comarca, o chamado “Jorge Reyes”.

Aida Tajes, de Coéns, e Felipe Allo, menbro do colectivo Xebre e presidente da Asociación A Fonte de Fornelos (que precisamente celebra a súa festa este domingo) leron un comprometido comunicado “en defensa da terra”, que tamén completou o alcalde de Zas, Lolo Muíño.

Unha primeira vitoria da veciñanza unida

O manifesto recoñecía a satisfacción pola negativa á mina de Coéns, “que demostra que a unión, o traballo e a constancia poden dar os seus froitos. Esta é unha vitoria da veciñanza, de todas as persoas que dedicaron tempo, esforzo e ilusión para defender Coéns e a nosa comarca”. A veciñanza de Coéns deixou claro que “durante todo este proceso sentímonos abandonados polo Concello”, criticaron a tibia posición do alcalde de Laxe.

Dende Laxe aseguraron que aínda “desconfían”, porque “o procedemento da concesión de explotación Don Sebastián e a do permiso de investigación Jorge Reyes seguen abertos. E seguiremos mobilizándonos sempre de maneira pacífica e respectuosa”, avisaron.

Máis novas