A comarca blíndase socialmente contra as minas de Coéns e de Fornelos e a planta de biogás de Soandres
Está a demostrar a comarca unha importante afouteza ante as ameazas industriais. A veciñanza de Coéns (Laxe), Fornelos (Zas) e Soandres (A Laracha) están en pé de guerra facendo público o seu rexeitamento aos procesos mineiros nas dúas primeiras vilas, e á polémica planta de biogas da terceira.
Galicia non é unha mina

Este sábado, houbo unha reunión informativa aberta á veciñanza organizada pola Plataforma contra a mina de Coéns, para afondar sobre os proxectos mineiros Don Sebastián 7147 (o de Coéns) e Jorge Reyes 7148 (o de Fornelos), coa participación da bióloga Isabel Segura e da enxeñeira medioambiental Alba Vázquez. Ambas profesionais fixeron un repaso con datos técnicos e ambientais que serviron para que a veciñanza poida avaliar as posibles consecuencias que poderían ter sobre o territorio, o medio natural, os recursos hídricos e a actividade socioeconómica da comarca.
A reunión serviu tamén para resolver numerosas dúbidas formuladas pola veciñanza, xerando un espazo de diálogo e participación no que se puideron aclarar cuestións técnicas e administrativas relacionadas cos expedientes mineiros.
Así mesmo, durante a xornada realizouse unha recollida de sinaturas para apoiar o recurso de reposición que se presentará contra o permiso de investigación Jorge Reyes 7148, así como unha campaña de recollida de sinaturas para solicitar ao alcalde de Laxe que manifeste de forma clara e pública a súa posición respecto ao proxecto mineiro de Coens e que defenda os intereses da veciñanza ante calquera actuación que poida afectar ao futuro do noso territorio.
Visita de Ana Miranda
Ademais, a eurodeputada do BNG Ana Miranda visitou este sábado 13 de xuño as localidades da Laracha e Laxe para reunirse coas plataformas veciñais. A representante nacionalista estivo acompañada polo deputado do BNG Oscar Insua e polo responsable comarcal da formación nacionalista en Bergantiños, Xosé Manuel Pose.
Na parroquia larachesa de Soandres, Ana Miranda escoitou, xunto á portavoz municipal do BNG, Carolina Castiñeiras, as inquedanzas de máis dun cento de persoas que acodiron á xuntanza, e que están afectadas polo proxecto de biogás.A europarlamentaria ofreceuse a axudar á plataforma veciñal a tramitar unha denuncia ante a Comisión de Peticións do Parlamento europeo. E informou da pregunta que realizou en maio á Comisión Europea, con solicitude de resposta escrita, sobre a posible afectación a zonas naturais protexidas e as medidas concretas que tomaron os gobernos galego e español para cumprir os requisitos de conservación das zonas ameazadas.
Pola súa parte, a voceira municipal e candidata do BNG á alcaldía, Cristina Vázquez del Prisco, foi a anfitrioa na visita ao lugar de Coéns, en Laxe, na que Miranda recibiu toda a información sobre o proxecto mineiro por parte da plataforma veciñal.
A eurodeputada nacionalista comunicou á veciñanza que levará a cabo unha pregunta parlamentaria para que a Comisión Europea aclare se o proxecto cumpre coa normativa da UE en materia ambiental, patrimonial e de afectación as vivendas.



