A veciñanza de Serantes non fallou á súa tradicional cita co churrasco e ca música popular
A Asociación de Veciños de Serantes celebrou o pasado sábado á noite o seu tradicional churrasco anual, un encontro xa consolidado no calendario social da parroquia, que reuniu a preto de 80 persoas entre veciños e convidados.
O evento contou coa presenza do párroco local e de representantes do goberno municipal, que quixeron compartir esta celebración coa comunidade. A música e a tradición foron protagonistas da noite, grazas á participación espontánea de membros das agrupacións locais Maruxía e Os Farrapos, que animaron a velada con cantigas populares e música tradicional galega.
Tamén se sumaron á festa os participantes de Fixar, un programa de apoio ao emprendemento no rural que actualmente están a desenvolver a súa estancia en iSlow Coliving, que achegaron un toque especial coa súa pandeiretada e baile tradicional, creando un ambiente de encontro entre xeracións e culturas.
A organización agradeceu a colaboración de todas as persoas asistentes e destacou o valor deste tipo de encontros para fortalecer o tecido comunitario e manter vivas as tradicións locais.