As obras do novo Centro de Saúde de Buño comezarán o mes que vén e estará rematado en 2015

As obras de construción do novo centro de saúde de Buño foron adxudicadas por máis de 600.000 euros, e só falta formalizar o contrato. Así o anunciaban os membros da corporación municipal na visita do vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, que sinalou que a empresa empezará a traballar antes do Entroido. O prazo de execución, fixado inicialmente en 9 meses, quedou reducido a 7, polo que o edificio sanitario estará rematado antes de fin de ano.

O novo centro de saúde será construído nunha parcela próxima ao Centro Comarcal e a Casa do Oleiro que os representantes do goberno municipal amosaron hoxe ao vicepresidente e á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo. O edificio terá capacidade para os tres médicos e o profesional de enfermería que desenvolven a súa actividade en Buño, así coma unha sala polivalente, área de administración e arquivo, almacéns e servizos comúns. A superficie construída será de 525 metros cadrados.

Outras obras

Ademais, co pintado da vía déronse por finalizadas as obras de adecentamento da 2ª Travesía da Camuza, en Malpica. Na Camuza levouse a cabo un proxecto de mellora da seguridade viaria no tramo que abrangue dende o cruce de Seaia ata o tanatorio. Os traballos afectaron a máis de 600 metros a ámbolos marxes da vía que une Malpica con Ponteceso, moi transitada pola existencia de vivendas e negocios.

O Concello anunciaba ademais que vén de recibir 600.000 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, que procede do canon eólico, e que reciben anualmente os concellos en función do número de aeroxeneradores instalados nos seus terreos.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).