Os Balóns da Olería de Buño. Artesanía costeira para a Gala do Fútbol da Costa
Seguimos repasando os detalles da XI Gala do Fútbol da Costa-QPC que se celebrará en Muros o vindeiro venres 12 de xuño.
E hoxe toca falar dos grandes tesouros artesanais que levamos entregando 10 anos nestes eventos. O compromiso coa nosa comarca fai que escollamos a nosa olería centenaria para refrendar estes singulares recoñecementos.
Unha elemento fetiche no noso deporte, unha peza que ten un valor único, só dispoñible para aquelas xogadoras ou xogadores que o gañen no campo.
Eloi Mancebo e María Canedo, artesáns do Taller Feituras, debúllanos como é o artesanal procedemento para crear estas xoias. Porque os balóns constan de tres partes, como nos conta Canedo:
- O balón, que é a máis importante e tamén a máis complexa.
- O soporte, que é sobre o que vai colocado o balón.
- A base, que é sobre a que vai colocado o trofeo.
Unha vez teñamos as tres partes e cando o encalecido do barro nolo permíta, chega a montaxe. Primeiro unimos o balón ao soporte, e proseguimos coa parte máis estresante, debuxar as figuras xeométricas, debuxamos nin máis nin menos que un total de 1.458 figuras...pra tolear. O seguinte paso é a decoración, que se realiza con engobes cerámicos (neste caso de cor branca), unha vez decorado montamos a terceira parte que é a base. Coa peza montada o seguinte paso é o secado, un proceso ao que como é lóxico inflúelle tamén a temperatura ambiente, cando a peza estea completamente seca e non corra o risco de rebentar no forno, dispoñémonos a realizar a primeira cocción das pezas, o "recocido" que se realiza a 850°. Despois da primeira cocción toca desenfornar, esmaltar (que é o que lle dá brillo á peza) e volta a cocer, pero esta vez a 1.050°.
Unha vez cocido e desenfornado xa teremos os trofeos para entregar na Gala.
Para que vexades o amor que levan polas mans da familia de Feituras, deixamos o vídeo que fixeron o ano pasado repasando o proceso de creación: