Cartas ao Director: A liberdade do individuo
Aquí estou un día máis sentado na miña toalla en pleno Areal Maior de Malpica vendo como uns cantos bañistas ao meu redor se recrean cos seus cigarrillos, algúns cos seus fillos sentados ao seu lado, e non podo evitar acordarme daquelas declaracións do expresidente Aznar nun acto de ensalzamento do viño, cando dixo:
“¿Quién te ha dicho a ti las copas de vino que yo tengo o no tengo que beber? Déjame que las beba tranquilo mientras no ponga en riesgo a nadie ni haga daño a nadie”. Viña a mofarse dunha campaña da DXT para concienciar sobre non conducir se se bebera.
Levamos varias décadas neste país de adquisición de dereitos individuais e sociais que serían impensables varias xeracións atrás. “Estou no meu dereito”, é algo que se escoita moi a miúdo. Todos enarboramos a bandeira da liberdade individual para queixarnos dunha acción que nos parece inxusta persoalmente ou simplemente para facer o que nos peta. Tamén poucos nos acordamos de que a liberdade individual trouxo dereitos, pero sobre todo responsabilidade e obrigas. De nós cara aos nosos veciños e viceversa.
Alzo a vista e miro a bandeira de “Praias sen fume”, báixoa: calada profunda de satisfacción; volvo a alzala, “Praias sen fume”, báixoa de novo: a area como cinceiro.
- Alberto, veciño de Malpica.