Cartas ao Director: "Malpica, a Eivissa da Costa da Morte"
- Alberto, un veciño da vila, envía esta carta despois do vivido esta pasada fin de semana na súa Malpica natal.
É innegable a crecente popularidade de Malpica como reclamo turístico na Costa da Morte e en Galicia. Conta con todo o necesario para ser un destino familiar, con oferta gastronómica, rutas de sendeirismo e praias onde se practica un sinfín de deportes acuáticos. Non vou ser eu agora quen descubra as bondades do meu pobo.
Desafortunadamente, o turismo medra sen control, marcado pola improvisación e a falta de preparación e medios por parte das institucións e responsables públicos. O pobo está saturado de coches, sen que pareza haber un plan para habilitar máis prazas nos meses de verán; que se salve quen poida. A recollida de lixo, xa pésima todo o ano (sen dúbida un dos pobos máis sucios da Costa da Morte), non se reforza con máis persoal de limpeza. Todas as papeleiras están a rebordar, as rúas cheas de lixo, e os colectores de reciclaxe de papel, situados no paseo, rebordan cartóns.
Podería seguir con máis exemplos de malas prácticas, tanto por parte de veciños e turistas —que tamén teñen a súa parte de responsabilidade pola falta de civismo nas súas condutas— como por parte do Concello, pola inacción e falta de experiencia dos cargos públicos; pero quedará para outra ocasión.

A última novidade, en canto ao pobo, é o “tardeo de borracheira” permitido polo Concello: festas de DJs no paseo, con menores consumindo alcol, xente mexando nas portas dos veciños, e quilos e quilos de lixo que queda sen recoller ou que sobrepasa os servizos de limpeza das praias.
Estas festas, no mesmo paseo da praia, son cada vez máis frecuentes e contan co visto e prace do Concello, que lles dá permiso sen esixir seguro de responsabilidade civil, nin horario de peche, nin baños portátiles (é máis, os que hai no paseo para os bañistas péchanse con chave para que non se poidan usar)… en fin, un descontrol. Que beneficio lle trae a Malpica estas festas á xa saturada poboación, farta de escoitar ruído dende primeira hora da tarde e de erguerse con todo sucio e mexado? Menos mal que algúns veciños se organizan para limpar pola súa conta, como na Rúa do Campo ou O Areal.
É este o modelo de pobo que quere este Concello: borracheira e ruído, e practicamente nula programación cultural e deportiva?
Como nota persoal, eu, que practico deportes acuáticos todo o ano en Area Maior, frústome cada vez que quero ducharme ou limpar a táboa nas duchas do areal : sen forza, cando funcionan, e nun estado lamentable. Non é de agora; levan así dende que teño uso de razón.
- Alberto, veciño de Malpica.
