Desembarco Pirata no Entroido malpicán
Xa está toda Malpica pensando na Mikaela de Buño do vindeiro sábado. Pero esta primeira fin de semana de orellas e filloas non ficou muda.
Desembarco pirata o que vivíu Malpica este pasado domingo. “Os Piratas do Caribe”, coa súa impoñente embarcación, acadaron o primeiro premio no Concurso de Comparsas celebrado hoxe pola tarde na Praza de Villar Amigo. O mal tempo obrigou a retrasar a saída do desfile, pero a choiva respectou a tradición, e, de feito, non caeu unha gota ata o remate do animado percorrido, no que tamén foron agasalladas as comparsas “O parchís” e “Tribu comanche” co segundo e terceiro premios, respectivamente.
Na categoría infantil o galardón foi para “Os velliños de Malpica”, e no certame de piñatas triunfou “O zoo de Malante”. O alcalde, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, foron os encargados de entregar os galardóns na praza, e tamén no Centro Cívico, onde continuou a festa co concurso de disfraces para maiores que se celebrou durante o baile social, amenizado polo dúo Nuevo Siglo.
Os protagonistas foron as patas de pau, os parches nos ollos e as bandeiras coa caveira. “Os Piratas do Caribe” foron os gañadores do primeiro premio, e “As nenas xemelgas”, do segundo. Para as dúas comparsas houbo cestas repletas de produtos típicos do Entroido.
Novas relacionadas
- O vindeiro sábado, a Mikaela.
- Entroido 2015: A Mikaela de Buño, a raíña do Entroido da Costa da Morte.
- Entroido 2014: Unha de enterros para o End-troido.
- Entroido 2013: O Entroido costeiro viviu unha completa traca final ca Mikaela.
- Entroido 2012: A Mikaela peregrinou por todas as tabernas de Buño.
- Entroido 2012: Os pequenos de Cerqueda abriron o entroido.
- Entroido 2011: A Mikaela, un Vía Crucis de bares.
- Entroido 2011: Cerqueda recupera o seu patrimonio coa gravación dunha Polafía.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).