Do Rivés presenta o seu primeiro traballo nun encontro íntimo na Ratona de Barizo

Segue afianzándose a Ratona de Barizo como un espazo moi especial onde a gastronomía e a música maridan maxicamente. Este venres 17 de xullo, o establecimento acolle o acto de presentación do primeiro álbum do grupo bergantiñán Do Rivés, no que combinará música en directo e unha conversa arredor do proceso creativo e do significado de "Contrabando".

O acto estará conducido por Noelia Freijeiro, concelleira de Cultura do Concello de Malpica, e combinará a interpretación en directo dalgúns dos temas do disco cunha conversa na que as integrantes compartirán o significado de CONTRABANDO, a orixe do proxecto e como viviron todo o proceso de creación deste primeiro traballo discográfico.

Máis que un concerto ao uso, trátase dunha presentación en pequeno formato na que o público poderá coñecer de preto o universo que dá forma ao álbum, un traballo que nace da tradición oral da Costa da Morte e que reivindica a transmisión entre xeracións, a pandeireta e o canto colectivo como parte esencial do patrimonio cultural galego.

Este encontro servirá tamén como antesala dunha intensa programación estival,que comezará en agosto e que levará a Do Rivés por distintos escenarios de Galicia e Euskadi.

Próximos concertos anunciados

● 8 de agosto | Carballeira de Zas
● 21 de agosto | Carballo Verán Cultural
● 11 de setembro | Folk Bleiz (Ermua)