Do Rivés estrea "Contrabando": Pandeireta crúa e identidade da Costa da Morte
Do Rivés vén con novidades. A banda de “trad” formada polas bergantiñás Jenni Felpete Iglesias, Hadri Felpete Iglesias, Alba Freijeiro Senande, Elena Verdes Veiga e a muxiá Paula Vilela Vigo publica este sábado 23 de maio o seu primeiro traballo discográfico. "Contrabando" é un álbum que nace da tradición oral da Costa da Morte e que sitúa a pandeireta, a voz colectiva e o baile no centro da súa proposta musical.
O disco aposta por unha sonoridade crúa e directa, na que a interpretación reduce ao esencial os elementos sonoros para reforzar a forza rítmica e colectiva da música tradicional. A pandeireta convértese así no eixo principal dun traballo que dialoga co repertorio popular desde unha perspectiva contemporánea.
A voz das artistas ademais incorpora trazos dialectais e formas propias da Costa da Morte, un falar natural fundamental no proceso de identificación da mocidadade galega con outras propostas máis trapeiras.







