En bici ao San Adrián de Malpica

Xa temos cartel para as Festas do San Adrián de Malpica, unha das Festas de Interese Turístico da Costa da Morte, declarado o pasado 2008.
Pero o que queremos resaltar hoxe é unha peregrinación, que fan un grupo de intrépidos ciclousuarios (como se fan chamar os ciclistas que usan a bici como vehículo, non só como deporte) nos últimos anos.

Xa case é unha tradición. Dende A Coruña ata a Capela do Santo Adrián de Malpica a dúas rodas, den deixar de disfrutar da brisa mariña en todo o día. Uns 80 quilómetros bordeando o litoral e disfrutando de paraxes preciosas como as marimas de Baldaio, a praia da Salsa... para chegar e besar o santo, nunca mellor, dito, coas verbenas a todo trapo. Todo para o sábado 16 de xuño, e poderán durmir, un ano máis, nas instacións do Club do Mar, que lles cede o local.

Rozando a épica

Estes bravos tiran de historia para darlle sentido de épica á peregrinaxe. Disque ademais de ser o Patrón dos Mensaxeiros, seica San Adrián foi tamén "Soldado da garda pretoriana do emperador Galeano; naceu en Constantinopla e era fillo do Cesar Probo. Encargado do martirio e persecución dos cristiáns, conmovido pola fe dos crentes, convértese ao cristianismo. É encarcerado e martirizado en Nicomedia no ano 303...." Aí é nada a epopeia que se lles presenta.

E tirando máis cara a zona de Malpica, recuperan esta lenda: "... Así asegura unha destas historias que fai moitos anos, a comarca estaba arrasada por unha praga de serpes e que os poboadores chamaron a San Hadrián para pedirlle axuda xa que se atopaba de peregrinación por estas zonas. O Santo pisou a unha delas e as demais desapareceron tirándose ao mar ou convertiéndose en pedra. Cando baixa a marea pódese apreciar nunha roca as pisadas de San Hadrián e a marca da serpe moi preto da praia de Seaia..."

Por unhas ou por outras, a capela de San Adrián os agarda. E mira ti, que ben lles viña un litoral adaptado na Selaguía de Malpica...

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).