En bici ao San Adrián de Malpica
Xa temos cartel para as Festas do San Adrián de Malpica, unha das Festas de Interese Turístico da Costa da Morte, declarado o pasado 2008.
Pero o que queremos resaltar hoxe é unha peregrinación, que fan un grupo de intrépidos ciclousuarios (como se fan chamar os ciclistas que usan a bici como vehículo, non só como deporte) nos últimos anos.
Xa case é unha tradición. Dende A Coruña ata a Capela do Santo Adrián de Malpica a dúas rodas, den deixar de disfrutar da brisa mariña en todo o día. Uns 80 quilómetros bordeando o litoral e disfrutando de paraxes preciosas como as marimas de Baldaio, a praia da Salsa... para chegar e besar o santo, nunca mellor, dito, coas verbenas a todo trapo. Todo para o sábado 16 de xuño, e poderán durmir, un ano máis, nas instacións do Club do Mar, que lles cede o local.
Rozando a épica
Estes bravos tiran de historia para darlle sentido de épica á peregrinaxe. Disque ademais de ser o Patrón dos Mensaxeiros, seica San Adrián foi tamén "Soldado da garda pretoriana do emperador Galeano; naceu en Constantinopla e era fillo do Cesar Probo. Encargado do martirio e persecución dos cristiáns, conmovido pola fe dos crentes, convértese ao cristianismo. É encarcerado e martirizado en Nicomedia no ano 303...." Aí é nada a epopeia que se lles presenta.
E tirando máis cara a zona de Malpica, recuperan esta lenda: "... Así asegura unha destas historias que fai moitos anos, a comarca estaba arrasada por unha praga de serpes e que os poboadores chamaron a San Hadrián para pedirlle axuda xa que se atopaba de peregrinación por estas zonas. O Santo pisou a unha delas e as demais desapareceron tirándose ao mar ou convertiéndose en pedra. Cando baixa a marea pódese apreciar nunha roca as pisadas de San Hadrián e a marca da serpe moi preto da praia de Seaia..."
Por unhas ou por outras, a capela de San Adrián os agarda. E mira ti, que ben lles viña un litoral adaptado na Selaguía de Malpica...
Máis información
- Máis información e inscricións: Ruta en Bici a San Adrián.
- Fotos da edición anterior da ruta a San Adrián.
Novas relacionadas
- Axenda Costa da Morte: Festas de San Adrián de Malpica.
- A Romaría do Santo Hadrián de Malpica é declarada festa de Interese Turístico.
- Unha de Festas de Interese Turístico na Costa da Morte.
- Por un litoral adaptado na Selaguía de Malpica.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).