Finde de rock e teatro en Malpica

Non foi o Nordestazo, pero Malpica volveu virbrar co Rock nunha noite de concertos espectacular, da man da Concellaría de Turismo e Festexos. Con Alfredo Cañizo á fronte, o departamento organizou o festival Malpica Rock no que actuaron na carpa instalada na rúa principal do centro urbano, a Vila Fan, as bandas Ambigüo, de A Laracha; El puto Antón e artistas convidados; 58 Shots, de Francia, e Recambios Tucho.

Pero non foi a única cita previa ao completo programa de Nadal. Houbo nova cita da 7ª Mostra de Teatro do Concello no Centro Cívico. O venres foi a quenda de “Pinocchio”, da compañía Teatro Ghazafelhos. Foi unha representación musical na que o monicreque universal encheu ó público de risa e emoción. Da man de Pepablo Patinho, Montse Piñón, Jorge Casas, Paty Lesta e Cristian Leggiero viviuse unha tarde-noite de aventura que marabillou ás familias malpicás.

Para o sábado quedou a comprometida “Crónica dunha heterosexual insatisfeita”, de Verdeveras Expresións Artísticas, en coprodución co Centro Dramático Galego. Este espectáculo, dirixido e interpretado por Mª Ángeles Iglesias, abordou temas como a sexualidade, a parella, os soños, as frustracións, os desexos e as fantasías da muller. Convidou, así, ás espectadoras a reflexionar sobre normas ou parámetros establecidos que se fan propios sen pensar se hai unha opción diferente que teña máis que ver con cada persoa.


A concelleira Marisol Blanco coa artista

A próxima e última cita será o vindeiro venres con “Vida de cans”, de Talía Teatro (auditorio do Centro Cívico a partir das 20:30 horas). Esta iniciativa, que conta co apoio da Deputación da Coruña, conta cun aforo limitado debido á pandemia, polo que é necesario reservar as entradas (gratuítas) en auditoriodemalpica@gmail.com, indicando nome completo, número de DNI e un teléfono de contacto.

 

Novas relacionadas