Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Concello e Asociacións conviven o Nadal en Malpica

Dia da Convivencia de Malpica
Concello e Asociacións conviven o Nadal en Malpica

Chega Nadal e a A Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes de Malpica, en colaboración coas entidades culturais e deportivas e cos centros educativos da localidade, xa avanza unha parte do programa de actividade. Un concurso de debuxo e pintura e un mercado de artesanía son as primeiras citas confirmadas trala reunión mantida entre Concello e asociacións celebrada o pasado 13 de novembro.

Antes continúa o programa de Teatro que este venres 3 de decembro trae o Centro Cívico a versión de PInocchio do Teatro Gazafellos.

Tamén será interesante o Día da Convivencia.

Concurso

O Concurso de Debuxo e Pintura de Nadal que se realizará coa colaboración dos centros de ensino de infantil e primaria: CEIP Milladoiro, o CEIP Joaquín Rodríguez Otero e o CRA A Nosa Señora do Faro. Desta maneira, o alumnado dos tres colexios elaborará, entre o próximo luns, 22 de novembro, e o martes 30 deste mesmo mes, os traballos para este concurso. Este último día ás 13.00 horas xuntarase o xurado composto pola concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes e unha representación de cada centro para escoller as obras gañadoras. Haberá tres premios.

Mercado

A segunda proposta que está definida é o Mercado de Artesanía de Nadal, que se celebrará o sábado 18 e o domingo 19 de decembro no Mercado Municipal, en horario de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 21.00 horas. Durante a celebración do mesmo, está previsto que se superen os vinte postos e, así mesmo, haberá diferentes actuacións musicais. Ce Orquestra, os Cabezudos dos Viqueiras de Ordes e diversos grupos de música tradicional serán só algúns dos protagonistas. Pero aínda haberá tempo para máis actividades, entre as cales non faltará a visita do apalpador e numerosos obradoiros como macramé para adultos e cestería para nenos, entre outros moitos.

Ademais, durante o Nadal, o Concello de Malpica e as asociacións organizarán moitas máis accións nas que xa están a traballar. É o caso das tradicionais visitas do Carteiro Real e de Papá Noel, dunha Foliada de Cantos de Nadal, festas infantís, Cabalgata de Reis e actividades deportivas, entre outras propostas.

Comercio

nadal comercios malpica

Pensando no comercio, concellaría de Promoción Económica de Malpica lanza a campaña ”Un Nadal de premio no comercio de Malpica”. Así, por cada compra de 20 euros nos quince establecementos adheridos, optarás a gañar un vale de 100 € para gastar nestas empresas. Son cinco vales en total de cen euros cada un deles. Botará a andar o 5 de decembro e rematará o 6 de xaneiro, momento no que se fará un sorteo público do que sairán os gañadores.

Estes son os negocios adheridos: Almacenes Armas, Asfeco Asesores, A Tenda de Vera, Calzados LC, Elemoba, Estanco Vanessa Varela Morales, Estanco Visi, Farmacia Atlántico, Gemma Chouciño Estética, Joyería Pallas, Librería Casa Pardo, Librería Miguens, Peluquería Cristal, Peluquería Isabel e Torrado Anido SL.

Campaña da neve

Ademais o Concello informa de que dispón de cinco prazas (con preferencia para os empadroados) para a primeira quenda da Campaña de neve da Deputación da Coruña, que transcorrerá dende o día 14 ao 17 do próximo mes de xaneiro. A actividade celebrarase na estación de Valgrande-Pajares (Asturias). O prazo de inscrición remata o 14 de decembro. As idades dos participantes serán de 12 a 15 anos inclusive, cumpridos a 31 de decembro do 2021. A cota de participación é de 85 euros. Os interesados poden consultar máis información en www.dicoruna.es/deportes/actividades ou no Departamento de Deportes do Concello de Malpica de Bergantiños.

Máis novas do Nadal

Comentarios