Unha foto de Criss Becerra na Mikaela, Ouro nos Premios Sony “Premios Comunitat Valenciana” da AFPV
Espectacular a foto da Mikalea coa que Criss Becerra, recibiu a medalla de Ouro na categoría de Reportaxe Social nos Premios Sony Premios Comunitat Valenciana. A Asociación de Fotógrafos Profesionais de Valencia (AFPV), outorgou o galardón á fotógrafa cercedense afincada en Buño, nunha gala que se celebrou en febreiro no Auditorio de Canet d’En Berenguer.
Nesta fotografía, Becerra reflicte o ambiente festivo e espontáneo dunha parella no momento máis álxido da celebración, completamente allea ao que acontece ao seu redor. A imaxe captura a esencia da festa, cunha composición natural e chea de forza emocional.
“Levo anos realizando fotografías durante a festa da Mikaela, e recibir este premio supón poñer en valor o traballo realizado desde hai 14 anos, cando acudín por primeira vez. Para min, na Mikaela atópanse os disfraces máis enxeñosos e particulares de toda a Costa da Morte”, sinala a fotógrafa.
Os Premios Comunitat Valenciana son un certame deseñado para recoñecer e difundir a excelencia na fotografía e no vídeo profesional, converténdose nun referente dentro do sector a nivel estatal.