Malpica prepara un compendio de actividades polas Letras Galegas

Poesía, música, teatro… Un completo compedio de actividades preparou a Concellería de Cultura de Malpica para estas Letras Galegas 2021.

Precisamente as actividades comezan dándolle vida á homenaxeada deste ano, Xela Arias. A vimiancesa Soraya Lema vestirase de Xela para contarlle, coa música de Adela Dios, ás criaturas dos coles malpicáns a vida da protagonista. Será a partir do venres cando pasen co espectáculo “O exército das paxariñas” polo CEIP Milladoiro, CEIP Joaquin Rodriguez e ás escolas unitarias de Barizo e Mens, do CRA A Nosa Señora do Faro.


Adela Dios e Soraya Lema

O propio 14 de maio, ás 20h o fogar do pensionista da Casa do Pescador acollerá a presentación das obras gañadoras das últimas dúas edicións do Certame de poesía erótica Illas Sisargas, ‘rascamaceiras’ de Laura Ramos Cuba e 'O cuarto de Jane' de Charo Pita, da man do colectivo Caldeirón.

Completo domingo

A actividade continuará na xornada do domingo 16 de maio, na que ó longo de todo o día a Praza do Campo acollerá unha completa programación:
- Ás 12:00 horas será o momento para as familias acompañadas da rapazada para gozar cos ‘Arrolos con Mamá Cabra’ nos que Gloria Mosquera e Diego Maceiras interpretan e ensinan ás familias participantes neste pequeno obradoiro algúns arrolos cos que adormecer, aleitar, e tamén cos que gozar da música nos primeiros días e meses de vida.
Ás 13:00 horas chega a hora do Vermú das Letras da man do grupo de Malpica Meigallo, da A.C.D Carcaxía, que comezou a súa andadura no ano 2003, formado nos seus inicios por 5 mozas con ganas de aprender e conservar a cultura musical e artística deste país.
Ás 17:30 horas é o momento do ‘Café con Letras’ no que nos acompañará Atenea García con ‘De ti e mailo mundo que apañes’ que pretende ser un humilde percorrido pola obra da poeta, tradutora e editora Xela Arias, un percorrido que nada ten de cronolóxico pero moito de persoal, co que a nós se refire.
E a fin desta intensa xornada chegará ás 19:30h co concerto de Acordeireta, grupo formado por Patricia González e Alejandro Balbuena.

Ademais, o mesmo luns 17 de maio a cita será ás 12:00 horas na praza Villar Amigo e alí cunha lectura poética aberta a toda a cidadanía que se achegue e na compañía de A.C. Malante de Malpica poremos fin a esta primeira edición dun Malpica un mar de Letras que nace co obxectivo de gozar e coñecer as nosas letras da man da produción cultural local e do país.

Outros programas das Letras Galegas

Novas relacionadas