A radio na Biblio do CEIP Milladoiro, un dos elos premiados da cadea humana de transmisión oral
Dania, Juan Luís, Antía, Leo, Olivia, Candela, Noa, Breixo, Saúl, Valentina, Benito, Santiago e Marco son os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria do CEIP Milladoiro que veñen de gañar un premio no VII Concurso de Podcasts-Radio na Biblio. “A nosa herdanza” é o podcast realizado pola rapazada do centro malpicán, que foi recoñecido xunto con outros 7 centros (A Baña, Bueu, Cospeito, Ferrol, Laza, Malpica de Bergantiños, Vedra e Vilagarcía de Arousa).
Un programa formulado polo Día das Letras Galegas, para render homenaxe ás cantareiras e pandereteiras do país, e servir de elo na cadea humana da transmisión oral.
E como en Malpica hai moita tradición, o alumnado tirou de veciñas artistas como Teresa dos Cucos (Cantareira, informante e veciña de Malpica galardoada no 2021 coma mestra da memoria); Tania Doldán e Belén López (da asociación cultural Malante); Lupe Blanco (a regueifeira de Coristanco); María Haz, Silvia Mato e Xacobe (da Asociación Cultural e Deportiva Carcaxía) ou Icía Varela (cantante, coautora do libro ¨Cantareiras¨ e representante da asociación cultural Raigañas).
O centro recibirá 1.250€ para melloras no laboratorio/emisora de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento deste laboratorio de radio, sempre vinculado á biblioteca do centro.
Xa podedes escoitar aquí embaixo o programa, e en breve pasarán pola plataforma dixital A Galega Audio: