Volven as visitas teatralizadas para coñecer a historia da vida no Forno do Forte

O Ecomuseo Forno do Forte de Malpica acolle un ano máis visitas teatralizadas baixo o título "Ao principio había barro". Estas actividades están dirixidas a todos os públicos e son de balde, sen necesidade de inscrición previa, e maridan perfectamente cos Paseos con Suso Martínez.

Os participantes poderán gozar dunha experiencia única onde a historia e a tradición do Forno do Forte cobran vida a través da teatralización.

Sinopse

A chegada dunha visitante (Lola) ao ecomuseo forno do forte vai romper coa tranquilidade do guía do museo (Carlos). Lola ven buscando respostas a todo canto ten escrito nun caderno, que segundo ela, levan escribindo dende o principio dos tempos os seus antepasados. A incredulidade de Carlos e as intencións de Lola, desembocarán nunha viaxe no tempo, grazas ás “propiedades máxicas” da boca do forno.

Desta vez, a visita teatralizada do ecomuseo forno do forte, convídanos a unha viaxe ao Buño primitivo, preto dos Barreiros, as orixes, pero tamén un chisco máis atrás, ao momento no que naceu a historia do barro e a humanidade.

A obra está escrita por Susana Crespo e conta coas interpretacións de Raquel Crespo no papel de Lola e Yago Espasandín como Carlos.

Esta iniciativa está organizada polo Concello de Malpica a través da súa Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Datas

As visitas xa comezaron o pasado sábado 13 de xullo, e seguirán as seguintes datas:

  • Sábado, 27 de xullo ás 12:00h
  • Sábado, 17 de agosto ás 12:00h
  • Sábado, 31 de agosto ás 12:00h

Máis novas