A cativada de Mazaricos quere ser zoqueira

Tras coñecer a profesión de artesán de pandeiretas, a rapazada do CEIP Víctor Sáenz de San Cosme de Antes recibiu a visita dunha zoqueira. A famosa artesá Elena Ferro achegou unha demostración en vivo como complemento á unidade didáctica Eu son zoqueira, unha iniciativa enmarcarda no proxecto Artesanía na Escola, impulsado pola Fundación Artesanía de Galicia.

Artesanía na escola é un programa de divulgación promovido pola Xunta de Galicia desde o ano 2023 dirixido a achegarlle os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Entre os seus obxectivos están o de divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e por último, a longo prazo, atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.

Eu son zoqueira, é a primeira das unidades didácticas do proxecto Artesanía na Escola e está dedicada ao oficio da elaboración deste calzado tradicional galego, os zocos de madeira, a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que veu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.  Elena Ferro destaca por actualizar este calzado e darlle un novo uso incorporándoo á moda contemporánea.